A terceira edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ abre o prazo de presentación de traballos
A Facultade de Ciencias da Comunicación acolleu este xoves a presentación da terceira edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca coa colaboración da propia Facultade. A bolsa supón unha achega de 6.000 euros destinados a proxectos xornalísticos de novos/as titulados/as en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual.
A nova edición, á que poderán concorrer propostas ata o 31 de maio, presentárona o decano da Facultade, Xosé Ramón Pousa; o vicedecano do Colexio Profesional de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro; e o director de zona de Santiago Cidade de Abanca, Ramón Mariño Pérez. O profesor Pousa lembrou a figura do xornalista e docente da USC Nacho Mirás, un profesional que “innovou na forma de ensinar” e ao que pola súa pegada se lle dedicou unha aula en Ciencias da Comunicación.
No acto tamén se presentou a iniciativa gañadora da pasada edición desta bolsa, Feira, un documental interactivo sobre a feira na Galicia contemporánea. Jorge Vázquez Herrero presentou o proxecto que co dirixe xunto a Laura Santos Esmorís e destacou o apoio da bolsa Nacho Mirás por representar “unha oportunidade excepcional que xurde no momento xusto para pór en marcha proxectos, nada máis rematar a carreira”.
Convocatoria
Poderán concorrer a esta convocatoria titulados/as nos últimos cinco anos (2018, 2017, 2016, 2015 ou 2014) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.
As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas [at] xornalistas.gal (xornalistas[at]xornalistas[dot]gal) o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.
O xurado que avaliará os traballos presentados estará composto por tres membros da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (dos cales un exercerá como secretario), un representante de Abanca, un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e dous ou tres xornalistas en activo. O fallo do xurado darase a coñecer no mes de xuño.