A terceira promoción de Ciencias Biolóxicas celebra este sábado o seu corenta aniversario
A terceira promoción da licenciatura en Ciencias Biolóxicas reúnese este sábado 5 ás 12.00 horas no Salón de Graos de Bioloxía con motivo da celebración do seu 40 aniversario. O grupo, de preto de corenta persoas, será recibido pola decana e compañeira de promoción, María Luz González Caamaño. Estes licenciados e licenciadas finalizaron os seus estudos en 1973 e practicamente todos, uns 80, exerceron a súa profesión como biólogos. Entre eles hai 21 doutores profesores de universidade, 11 da USC, que exerceron importantes cargos académicos como a reitora da Universidade de Alcalá (a primeira en 500 anos) ou dúas decanas de Bioloxía, a actual na USC e outra na Universidade de Vigo. Ademais, 27 traballan no ensino secundario, nove no eido da investigación e seis no sector empresarial, como o presidente de Armadores de Pesca de Vigo e o ex director da empresa ENCE de Pontevedra, entre outros.