Ir o contido principal

A terceira xornada sobre viño e cultura galega dedícase a Julio Camba

O profesor da USC Xavier Castro conducirá este martes ás 20.00 horas na cafetaría do CGAC a sesión gastronómica e cultural

A terceira sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega dedícase este martes 28 a glosar a traxectoria vital e a obra do escritor Julio Camba, nado en Vilanova de Arousa cando corría o ano 1882. Ás 20.00 horas na cafetaría do CGAC de Santiago daranse cita as persoas amantes dos caldos e da cultura para escoitar ao profesor da USC Xavier Castro dar conta das características esencias da obra literaria de Camba e das referencias que o escritor de Vilanova fai á cultura do viño e a gastronomía, nomeadamente no seu libro La casa de Lúculo. As glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce dos viños do Ribeiro e o recitado dunha escolma de textos senlleiros de Camba, mesturado todo coa audición de cancións representativas da época en que desenvolveu a súa obra, primordialmente a dos cabarets e cafés cantantes ás que o escritor era asiduo. Camba desempeñouse como correspondente de prensa en varias capitais estranxeiras, cultivando con extraordinario talento e inconfundible estilo a crónica e a literatura xornalística. Na xornada do martes a adega convidada é Alecrín (D. O. Ribeiro), que presentará dous caldos de feitío artesán e elaboración natural: un branco, elaborado coas castes autóctonas treixadura e albariño, e un tinto multivarietal que mesura as uvas mencía, caíño tinto, brancellao e sousón. Para asistir á sesión haberá que pagar os 9 euros da entrada na propia cafetaría, que darán dereito ademais a uns petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e queixo de Ulloa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2013.