Ir o contido principal

As terceiras xornadas de novas narrativas revisarán os conceptos de adaptación e intermedialidade

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas

As terceiras xornadas de novas narrativas celebraranse este xoves 19 e o venres 20 no Centro de Estudos Avanzados e na Casa de Europa da USC. A finalidade é ofrecer unha visión ampla do fenómeno transmedia e das novas narrativas que xorden arredor dos conceptos clásicos de adaptación e intermedialidade.

A primeira das sesións, centrada nos novos formatos en videoxogos, cine e literatura, terá un carácter máis práctico e orientado a un publico xeral. Comezará cunha mesa coloquio ás 10.00 horas dedicada a videoxogos e realidade virtual que reunirá a Luis Navarrete Cardero, Mónica Barrientos Bueno, Francisco Javier Martín Collado e Olmo Castrillo Cano, moderados por Antonio J. Gil González. A partir das 12.30 horas está programada unha segunda mesa dedicada a cinema, interacción e transmedia na que intervirán Raúl Díez, David Refoyo e Andrés Rozados moderados por Patricia Val Antelo.

A sesión do venres 20 abordará aspectos teóricos e de fixación de terminoloxía e incluirá unha sesión ás 12.00 horas sobre realidade virtual aberta á experimentación de quen asista. Ademais as distintas mesas poderán visionarse posteriormente en streaming en USC TV.

Estas xornadas científicas están organizadas polo grupo de investigación ‘Intermedialidade, adaptación e transmedialidade no cómic, o videoxogo e os novos medios’ en colaboración co proxecto ‘ Transescritura, transmedialidade, transficcionalidade: Relacións contemporáneas entre literatura, cine e novos medios, II’ da Universidade de Salamanca e co Grupo de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2017.