Ir o contido principal

O territorio e a paisaxe son os bens de uso comunal por excelencia, afirma Xerardo Pereira Menaut

Alumnos do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, nas xornadas divulgativas
Alumnos do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, nas xornadas divulgativas
O catedrático da USC e o investigador Alberte Núñez participaron en Celanova nunha sesión divulgativa do ciclo ‘A conservación do medio natural, tarefa común

O catedrático de Historia Antiga da USC Xerardo Pereira Menaut afirmou hoxe en Celanova que “o territorio e mais a paisaxe son os b ens de uso comunal por excelencia”, ao tempo que engadiu que uso non se refire soamente a unha utilización activa para producir algo novo, por iniciativa propia ou doutros, senón tamén a unha utilización pasiva, é dicir, a padecer as consecuencias de calquera actividade derivada do uso dese ben que outros fagan.

Pereira Menaut sinalou como exemplos disto o aire ou as augas. Todo usuario do aire e das augas sofre as consecuencias da acción sobre o aire ou as augas que outros realicen, aínda que estean moi lonxe, dixo. O catedrático da USC destacou que uso comunal é o uso que dunha cousa fai unha comunidade en tanto comunidade; no mundo tradicional, por exemplo, vese este uso comunal nas comunidades de regantes que aproveitan unha fonte de auga, organizan o seu aproveitamento e xestiónano. Con todo, Xerardo Pereira salientou que tamén aquí “debemos ampliar e magnificar o concepto, porque no noso Planeta Global Contaminado a comunidade de usuarios (activos e pasivos) saltou por riba de todas as barreiras tradicionais, especialmente as estatais, e por suposto as rexionais e locais”. O catedrático Xerardo Pereira e Alberte Núñez Martínez, doutorando en Arquitectura, trataron o tema da paisaxe e do territorio como bens de uso comunal en Celanova, no marco de dúas sesións divulgativas, unha dirixida a estudantes do IES Celso Emilio Ferreiro, e noutra, en quenda de tarde, aberta a todo o público. Antonio Piñeiro foi o encargado de moderar estas sesións, incluídas no ciclo ‘A conservación do medio natural, tarefa común’ Pereira precisou na súa intervención que “o uso comunal non é de rango estatal nin coincide (ou non ten por qué coincidir) coa dimensión rexional ou local e por iso os intereses da comunidade de usuarios normalmente serán translocais, transrexionais ou supraestatais”. Ademais, salientou que o uso comunal non ten nada que ver coa propiedade dos bens. O doutorando en Arquitectura Alberte Núñez Martínez aproximouse ás raíces históricas do concepto de lugar. Así, afirmou que “o concepto de lugar vén da Antigüidade, dise en latín locus”, e a súa vixencia actual pódese ver facilmente. “O ‘xenio do lugar’ é para os antigos unha divinidade que goberna o lugar; para os arquitectos e urbanistas, hoxe, é esa especie de espírito, esa vida propia que percibimos en cada lugar, á cal debe obedecer o bo arquitecto/urbanista cando vai intervir alí”, destacou. Xa que logo, para Alberte Núñez, “l ugar non é un concepto da xeografía como o é val ou meseta. Un lugar nace da experiencia dun grupo humano sobre un anaco de terra, experiencia que pode ser moi variada”. A cita de Celanova é a décimo segunda que se celebra dentro das xornadas divulgativas A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, que se están a celebrar en 20 concellos vinculados ó Camiño de Santiago. A próxima cita será en Negreira, o vindeiro mércores, 5 de novembro, e versará sobre o tema: Da sociedade labrega á empresa agraria: declinio e futuro do mundo rural. Pereira Menaut, Antonio Piñeiro e Alberte Núñez, durante a sesión divulgativa

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2014.