Ir o contido principal

Un terzo das mortes por calor no mundo débese ao cambio climático

O número de vítimas pola calor relacionadas co clima varía dende unhas poucas ducias ata varios centos de mortes cada ano, segundo os cambios locais do clima en cada área e a vulnerabilidade da súa poboación. FOTO: Santi Alvite
O número de vítimas pola calor relacionadas co clima varía dende unhas poucas ducias ata varios centos de mortes cada ano, segundo os cambios locais do clima en cada área e a vulnerabilidade da súa poboación. FOTO: Santi Alvite
O meirande estudo internacional centrado neste eido e no que toma parte o investigador da USC Dominic Royé constata que máis de 700 persoas finan ao ano en España por mor das elevadas temperaturas derivadas do quecemento global de orixe atropoxénica
Santiago de Compostela

Entre 1991 e 2018, máis dun terzo de todas as mortes nas que influíu a calor foron atribuíbles ao quecemento global. Esta é unha das conclusións ás que chegou un estudo internacional no que toma parte o investigador da USC Dominic Royé e que amosa por primeira vez a contribución real do cambio climático provocado polo home ao incremento dos riscos de mortalidade debido á calor. As achegas desta análise, a máis grande que deste tipo se ten realizado, acaban de ver a luz na revista Nature Climate Change  logo de empregar datos de 732 cidades en 43 países de todo o mundo.

O impacto da calor durante o verán respecto ao cambio climático foi maior en países mediterráneos como España, Italia e Grecia, conclúe o estudo. “Concretamente, o número de mortes por calor relacionada co cambio climático supera a barreira dos 700 por ano nas capitais de provincia de España”, sinala Dominic Royé. Por exemplo, esta cifra roza o centenar en Barcelona e supera os 170 en Madrid. O estudo calcula que Galicia experimenta preto dunha vintena de mortes ao ano por mor do quecemento global.

O cambio climático está afectando a saúde humana de varias maneiras e unha vía directa está representada polo aumento da mortalidade e a morbilidade asociadas á calor. Os escenarios das condicións climáticas futuras predín un aumento substancial das temperaturas medias e a aparición de fenómenos extremos como vagas de calor, o que implicará un incremento da presión asistencial dos sistemas de saúde. Porén, ata o de agora, ningún estudo avaliara se estes impactos xa se tiñan experimentado nas últimas décadas e en que mediada. A investigación que acaba de ver a luz evidencia que o 37% das mortes relacionadas coa calor entre 1991 e 2018 poden ser atribuídas a cambios no clima relacionados coas actividades humanas.

Incremento da mortalidade

Os investigadores examinaron as condicións climáticas pasadas proxectadas en escenarios con e sen emisións antropoxénicas, polo que puideron separar o quecemento e o impacto na saúde relacionado coas actividades humanas das tendencias naturais. "Agardamos que a proporción de mortes relacionadas coa calor continúe medrando se non facemos algo contra o cambio climático” explican os investigadores. "Ata o de agora, o promedio da temperatura global só aumentou arredor de 1°C, que é unha fracción do que poderiamos afrontar se as emisións continúan aumentando sen control".

Diferenzas por territorios

O número de vítimas pola calor relacionadas co clima varía dende unhas poucas ducias ata varios centos de mortes cada ano, segundo os cambios locais do clima en cada área e a vulnerabilidade da súa poboación. As persoas que viven en países de ingresos baixos e medianos e que foron responsables dunha pequena parte das emisións antropoxénicas no pasado, son as máis afectadas, cunha proporción de mortalidade relacionada coa calor inducida polo home máis alta en América Central e do Sur e América do Sur-Este de Asia. “Este é o maior estudo de detección e atribución sobre os riscos actuais do cambio climático para a saúde”, explican os investigadores. “A mensaxe é clara: o cambio climático non só terá impactos devastadores no futuro, senón que xa estamos experimentando as nefastas consecuencias das actividades humanas no planeta”. O estudo foi coordinado pola Universidade de Berna e a Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2021.