Ir o contido principal

Unha tese en Ciencias Económicas analiza o risco de incendio, o seguro forestal e a súa demanda en Galicia

Jesús Barreal, no centro, xunto aos integrantes do tribunal e a directora do traballo María Loureiro
Jesús Barreal, no centro, xunto aos integrantes do tribunal e a directora do traballo María Loureiro

A partir dunha análise dos incendios forestais en Galicia tendo en conta tanto factores socioeconómicos como ambientais ou climáticos, Jesús Barreal Pernas realiza na súa tese de doutoramento ‘Wildfires in Galicia: causality, forest policy and risk in forest management’ un estudo espacial e temporal destes eventos ao longo da comunidade galega. Baixo a dirección da profesora do Departamento de Análise Económica da USC María Loureiro a investigación tamén analiza o seguro forestal como unha ferramenta financeira para cubrir as posibles perdas en caso de incendio e propono como un elemento dinamizador de políticas públicas encamiñadas a reducir o abandono forestal tras a incidencia do lume. Como sinala o autor, “a tese contribúe a aumentar as investigacións no campo do risco de incendios en Galicia, da modelización do seguro forestal así como nas demandas dos produtores arredor desta ferramenta”. Neste senso, no seu traballo Jesús Barreal ten en conta o seguro forestal como un incentivo á produción de servizos ambientais ademais de analizar a demanda deste produto no norte de Galicia. Na súa opinión, para que este seguro teña un maior nivel de aplicación, debería deseñarse con maior dinamismo e incluír maiores coberturas nas súas pólizas. O traballo, cualificado con sobresaliente cum laude, emprega unha ampla variedade de metodoloxías relacionadas coa xestión forestal, como explica a súa directora María Loureiro. O tribunal encargado da súa valoración presidiuno o catedrático de Fundamentos de Análise Económica da Universidade Complutense de Madrid, Emilio Cerdá, e integrárono ademais Xoaquín Fernández, de Economía Aplicada da USC; o investigador do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria, Mario Soliño; o profesor de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Marey; e o de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Manuel González.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.08.2015.