Ir o contido principal

Unha tese doutoral amosa a utilidade dos mapas de radon residencial para coñecer o seu efecto sobre a saúde

Mapas de Radón dos municipios de Galicia
Mapas de Radón dos municipios de Galicia

O Código Europeo Contra o Cancro, publicado en 2014 pola Axencia Internacional de Investigación en Cancro da Organización Mundial da Saúde, sinala o radon como unha das exposicións ambientais prioritarias a reducir. En Galicia, cunhas características xeolóxicas do solo moi particulares, docentes da USC teñen elaborado un Mapa de Radon (www.usc.es/radongal) que sitúa as provincias de Ourense e Pontevedra como as de maior risco e onde se observa gran variabilidade entre municipios.

Precisamente a médico especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública Raquel Barbosa Lorenzo empregou na súa tese doutoral os datos do Mapa de Radon de Galicia elaborado na USC para coñecer se a exposición a radon residencial pode estar relacionada con cancros diferentes ao pulmonar ou coa enfermidade pulmonar obstrutiva crónica. Así, atopou indicios de que a exposición a radon residencial podería estar asociada coa aparición de enfermidade pulmonar obstrutiva crónica e cos ingresos por esta enfermidade, ao igual que podería haber algunha relación co cancro de estómago. En calquera caso, a xa doutora insiste en que se ben estes resultados deben ser tomados con cautela, os mapas de radon “poden empregarse para analizar a súa relación con outras enfermidades”.

No seu estudo tomaron parte máis de 2.000 galegos, aos que se mediu o radon interior nos seus domicilios. A particularidade do traballo foi a potencial consideración do mapa de radon como un instrumento epidemiolóxico que permite medir a posible relación dos niveis de radon coa aparición das enfermidades mencionadas. Os resultados publicáronse en importantes revistas estranxeiras coma o European Journal of Epidemiology ou International Journal of Radiation Biology.

A tese ‘Uso epidemiolóxico dos mapas de radon residencial. O exemplo do Mapa de Radon de Galicia’, cualificada cun Sobresaliente Cum Laude, dirixírona os profesores de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Alberto Ruano Raviña e Juan Miguel Barros Dios, co director e director do Laboratorio de Radon de Galicia, respectivamente.

Laboratorio de Radon de Galicia
Na actualidade, os niveis de radon domiciliario a nivel municipal pódense consultar na páxina web do Laboratorio de Radon de Galicia, o de referencia para o Noroeste de España, xa que os seus membros participaron no informe sobre o radon da Organización Mundial da Saúde.

O Laboratorio de Radon de Galicia da USC fora comisionado polo Consello de Seguridade Nuclear para a medición de radon interior en 11 provincias españolas no marco do Mapa de Radon de España. O galego conta na actualidade con máis de 3.400 medicións de radon noutros tantos domicilios de toda a xeografía galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2017.