Unha tese explora as aplicacións industriais de máis de trinta compostos
A tese ‘Química de coordinación de tizolidín-4-onas funcionalizadas con anillons pirazina, frente a iones metálicos de los grupos X y XI’ permitiu determinar a estrutura de máis de trinta compostos e, a partir dos datos estruturais, establecer as propiedades máis axeitadas para a súa aplicación industrial. Realizada pola graduada en Química e máster en Química Avanzada Iria Rodríguez González, a tese trata a preparación e caracterización dunha serie de hidrazonas funcionalizadas cuxo grupo funcional máis significativo é importante constituínte para o tratamento antitumoral, antiinflamatorio, antibacteriano, antimicrobial, antiparasitario, anti HIV ou anticanceríxeno, entre outros. A investigación desenvolvida pola xa doutora Iria Rodríguez estuda tamén a preparación e caracterización de diversos materiais que conteñen as hidrazonas sinaladas e algúns metais como níquel, paladio, platino, cobre e prata así como algunhas propiedades con potencial aplicación industrial, en especial, os que conteñen paladio como catalizadores, os de platino como anticanceríxenos, os de prata como luminiscentes ou os de cobre como materiais magnéticos. Dirixiron este traballo de investigación os profesores Alfonso Castiñeiras e Isabel García Santos, do Departamento de Química Inorgánica.