Ir o contido principal

Unha tese propón novos sistemas granulares aerobios para mellorar a depuración de augas residuais industriais

Detalle de gránulos aerobios de reactores tratando auga dunha industria conserveira
Detalle de gránulos aerobios de reactores tratando auga dunha industria conserveira

A investigadora Mónica Figueroa Leiro propón o uso de novos sistemas granulares aerobios como alternativa aos procesos tradicionais para mellorar a depuración das augas residuais industriais. O crecemento da biomasa na forma de gránulos presenta distintas vantaxes, como son a flexibilidade de operación dos reactores fronte a cargas variables, as altas concentracións de biomasa alcanzada, a xeración de lodos de depuradora mais facilmente tratables e o deseño de unidades moito máis compactas. Estas novas propostas forman parte do seu traballo de doutoramento, defendido a pasada semana na Escola Técnica Superior de Enxeñaría baixo a dirección de Ramón Méndez Pampín e Anuska Mosquera Corral. Nel, Mónica Figueroa céntrase na mellora dos sistemas de depuración biolóxicos para a eliminación de compostos orgánicos e nitróxeno das augas residuais industriais que, como sinala a investigadora, poden causar importantes problemas ambientais como a eutrofización e a toxicidade das augas superficiais e subterráneas. Durante a realización da tese os sistemas granulares aplicáronse ao tratamento de augas residuais procedentes da industria conserveira, un sector moi importante na economía de Galicia. Estes sistemas mostraron unha elevada capacidade de depuración e resistencia fronte ás variacióna da carga orgánica tratada e o contido en sal, froito do uso de auga de mar no proceso industrial. No proceso investigador tamén se ensaiaron dúas alternativas para a mellora do tratamento de fracción líquida de xurros porcinos. O uso dun sistema granular aerobio para a eliminación de materia orgánica e nitróxeno e o emprego dun sistema CANON (Completely Ammonia Nitrogen Oxidation Over Nitrite) para mellorar a eliminación de nitróxeno cando xa se dispón dun sistema de dixestión de lodos ou lagoas anaerobias. Segundo explica Figueroa Leiro, o CANON combina nunha soa unidade dous procesos biolóxicos, a oxidación de amonio e o novidoso Anammox (Anaerobic Ammonia Oxidation). En ambos casos, engade a doutora Figueroa, se obtiveron uns resultados moi satisfactorios, estándose na actualidade negociando proxectos con importantes empresas do sector para a súa implementación a gran escala. “Aerobic granular systems for biological treatment of industrial wastewater: operation and characterization of microbial populations” é o título da tese que defendeu Mónica Figueroa coa cualificación de sobresaliente cum laude, desenvolvida dentro do Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química da USC. Durante o período da súa realización, Figueroa Leiro realizou estadías de investigación na Universidade de Porto (Portugal) e na Radboud University of Nijmegen (Holanda), o que lle permitirá optar ao titulo de doutor enxeñeiro Químico coa Mención Europea. Como resultado destas estadías de investigación, o traballo completouse coa identificación das poboación bacterianas involucradas nos distintos procesos facendo uso de técnicas de bioloxía molecular. A utilización destas técnicas tamén facilitou a identificación máis fiable da bacterias de tipo filamentoso, que soen ser responsables de problemas operacionais graves na operación das plantas convencionais de tratamento de auga residual, explica a investigadora.

O tribunal encargado de xulgar o traballo de doutoramento estaba composto por Luis Larrea Urcola, do Centro de Estudos e Investigacións Técnicas (CEIT) do País Vasco; Robbert Kleerebezem, da Universidade Técnica de Delf (Holanda); Luis Manuel Ferreira de Melo, da Universidade do Porto; Maite Pijuan Vilalta, do Institut catalá de Recerca de la Aigua (ICRA) de Girona; e José Ramón Vázquez Padín, investigador da empresa Aqualia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.07.2011.