Unha tese da USC analiza o tratamento da crise económica nos medios de comunicación
Que tipo de discurso reproduciron os medios de comunicación no seu tratamento da crise de 2008? Esta é a pregunta da que parte Raul Rios Rodríguez na súa tese ‘O tratamento mediático da crise económica: Umha legitimaçom da resposta política neoliberal? Análise de El País e La Voz de Galicia (2008-2015)’, dirixida polos profesores Edelmiro López Iglesias e Luís Álvarez Pousa e cualificada con sobresaliente cum laude. De maneira máis concreta, o autor analiza se os medios actuaron como axentes lexitimadores das políticas de austeridade e as reformas estruturais postas en marcha no Estado español a partir de maio de 2010 como resposta á crise.
Para analizar o discurso dos dous xornais, Raul Ríos tomou como base a teoría do framing e realizou unha Análise de Contidos tanto cualitativa como cuantitativa dunha mostra composta por máis de 2.000 textos xornalísticos. A principal conclusión que extrae dos resultados da análise é que os medios estudados lexitimaron as políticas de tipo neoliberal ao presentalas como se fosen a única alternativa existente; non necesariamente tratándoas como positivas ou desexábeis.
De feito, segundo o autor, unha parte significativa dos textos xornalísticos estudados mantiveron un ton relativamente crítico ao tratar as consecuencias deste tipo de políticas, pero sen dedicar espazo a tratar outras posíbeis opcións de política económica.
Raul Rios (A Coruña, 1990) é licenciado en Xornalismo pola USC e conta cun máster en Desenvolvemento Económico e Innovación pola mesma universidade.