Ir o contido principal

Unha tese da USC avanza novas metodoloxías para avaliar ambientalmente o sector acuícola galego

Diego Iribarren, terceiro pola dereita, acompañado dos directores de tese e dos membros do tribunal
Diego Iribarren, terceiro pola dereita, acompañado dos directores de tese e dos membros do tribunal

O 40 por cento das bateas galegas son eficientemente operacionais, segundo se desprende da tese de doutoramento que Diego Iribarren Lorenzo defendeu na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. O traballo avalía ambientalmente o sector acuícola en base a dúas especies de referencia na acuicultura extensiva e intensiva galega, o mexillón e o rodaballo, respectivamente.
O estudo de máis de 80 bateas situadas na Ría de Arousa permitiu determinar as ineficiencias operacionais e cuantificar as súas consecuencias ambientais. Deste xeito, globalmente se estimaron porcentaxes de redución nos consumos operacionais de ata o 75%, o que se traduce en reducións dos impactos ambientais do 20% para certas categorías como as de esgotamento dos recursos abióticos e da capa de ozono.
Metodoloxía innovadoraA metodoloxía empregada é a Análise do Ciclo de Vida (ACV), cuxa principal vantaxe radica no enfoque global á hora de estudar un produto, non só pola inclusión de todas as etapas produtivas (dende o berce á tumba) senón tamén polo estudos de todos o seus potenciais impactos ambientais (eutrofización, quencemento global, destrución da capa de ozono, acidificación, toxicidade…).
A aplicación da ACV ao sector pesqueiro/acuícola levouse a cabo nun número moi limitado de casos, destacando os estudos realizados en Dinamarca para peixes planos, en Suecia para a cigala, en Noruega para o bacallau e en Canada para o salmón. A tese contribúe, por tanto, a ampliar o número de especies acuáticas estudadas grazas á avaliación ambiental dos sectores acuícolas galegos do mexillón (Mytilus galloprovincialis) e do rodaballo (Scophthalmus maximus), identificando os seus puntos ambientalmente críticos e propondo potenciais de mellora ó longo de toda a cadea de produto (cultivo, procesado, consumo e xestión de residuos).
O traballo tamén desenvolve novas tendencias no emprego da ACV, concretamente afonda nos potenciais da aplicación conxunta coa Análise por Envoltura de Datos (DEA) e na implementación de estratexias de avaliación da pegada de carbono, como vieiros na procura da sustentabilidade. A DEA é unha técnica amplamente empregada nas análises económicas, permitindo determinar os procesos máis eficientes e, polo tanto, aquelas operacións dentro do sector que definen esa eficiencia. Pola súa banda, a pegada de carbono calcula a cantidade global de emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas a un produto ao longo do seu ciclo de vida.
Maior impacto do rodaballoNo caso do mexillón, a avaliación da pegada de carbono exemplificouse para un produto típico en conserva, un “triple pack” de latas redondas. Nel calculouse unha pegada de 4,35 kg CO2e por cada triple pack, o que equivale a un percorrido en automóbil de case 30 quilómetros. Un dato, tranquiliza o autor, “bastante inferior ao de outros produtos alimentarios con valor nutritivo semellante”.
Finalmente, a ACV do sector acuícola intensivo do rodaballo en Galicia considerou a súa produción e consumo e implicou á avaliación ambiental previa da elaboración industrial de pensos destinados á acuicultura. Para a análise da etapa de cultivo distinguíronse os impactos asociados a criadeiro, pre-engorde e engorde. “Neste caso, as contribucións da fase de cría ás distintas categorías de impacto ambiental foron sempre superiores ao 30%.”, explica Iribarren.
En revistas científicasA novidade desta investigación, dirixida polos profesores Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, do Grupo de Investigación de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química da USC, derivou en dez artigos en revistas científicas indexadas no “Scientific Citation Index”, destacando as publicacións en Science of the Total Environment, The International Journal of Life Cycle Assesment e Journal of Cleaner Production.
TribunalO tribunal que lle concedeu un sobresaliente cum laude ao traballo estivo presidido polo catedrático da Universidade de Oviedo, José Mario Díaz, e composto ademais por Joan Rieradevall Pons, da Autónoma de Barcelona; Francesc Castells Piqué, da Rovira i Virgili; Francesc Hernández Sancho, da Universidade de Valencia; e Juan Manuel Lema Rodicio, catedrático da USC e director da ETSE.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2010.