Ir o contido principal

Unha tese da USC avoga por utilizar lacasas para eliminar de maneira sostible compostos altamente contaminantes

Lucía Lloret, defendendo a súa tese de doutoramento na ETSE
Lucía Lloret, defendendo a súa tese de doutoramento na ETSE

A investigadora Lucía Lloret Caulonga pon de manifesto na súa tese doutoral que a tecnoloxía baseada na utilización de lacasas (enzimas oxidativas) é unha alternativa sostible para eliminar compostos altamente contaminantes cunha parella redución no consumo de enerxía e reactivos. Logo de defender a súa investigación con mención de doutoramento europeo, Lloret incorporarase en febreiro como profesora no Departamento de Enxeñaría Química e Ambiental da Universidade Federico Santamaría de Chile. O traballo céntrase na eliminación de contaminantes emerxentes como compostos disruptores endocrinos (estróxenos naturais e sintéticos) e compostos farmacéuticos (antiinflamatorios como naproxeno e diclofenaco), incluídos como contaminantes prioritarios na nova Directiva Europea da Auga e, polo tanto, obxecto de análise e monitorización na auga potable e nos efluentes das depuradoras de augas residuais. A doutoranda fixo diversas estancias de investigación na Delft University of Technology (Delft, Holanda) e no National Institute of Advanced Industrial Science and Technology (Tosu, Xapón), lugar este último no que tivo a oportunidade de investigar cunha tecnoloxía emerxente que melloraría a eficiencia dos procesos catalizados por lacasas e ampliaría o campo de aplicación destas encimas. Dirixida polos profesores Gumersindo Feijoo e Gemma Eibes González do Grupo de Investigación de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química da USC, da tese ‘ Enzymatic bioreactors for the oxidation of estrogenic and anti-inflammatory compounds by laccases’ deriváronse nove artigos en revistas científicas indexadas no Scientific Citation Index como Biochemical Enginering Journal; Biodegradation, Biotechnology Progress; Journal of Biotechnology; Journal of Hazardous Materials; Biocatalysis and Biotransformation; Journal of Molecular Catalysis B: Enzymatic; Environmental Science and Technology; e Chemical Engineering Journal. Tratamento enzimático O traballo comezou coa investigación do uso de lacasas e de sistemas lacasa-mediador en reactores operados en modo descontinuo co fin de avaliar os principais parámetros de operación (pH, concentración dos cofactores, etc.). A partires de aí Lucía Lloret estudou diferentes técnicas de inmobilización do biocatalizador para aplicar o tratamento enzimático de compostos estroxénicos en operación continua de reactores de leito fixo e un reactor de leito fluidizado. Así mesmo, avaliou o uso dun reactor encimático de membrana para a aplicación do biocatalizador na súa forma libre, obtendo elevadas eficacias de oxidación e redución de estroxenicidade incluso durante o tratamento dos substratos na propia auga residual. En colaboración co Servizo da RIADIT da USC identificáronse os produtos de degradación e definíronse as rutas e mecanismos de reacción da transformación de estróxenos e antinflamatorios. Ruta de degradación do Diclorofenaco (DCF) Corte transversal do microrreactor

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2013.