Ir o contido principal

Unha tese da USC estuda a mellora dos sistemas de depuración biolóxicos en augas residuais industriais

O traballo defendeuno este venres a enxeñeira química Ángeles Val del Río

A enxeñeira química Mª Ángeles Val del Río defendeu este venres a súa tese de doutoramento centrada na mellora dos sistemas de depuración biolóxicos para a eliminación de compostos carbonados e nitroxenados en augas residuais industriais, que poden causar importantes problemas ambientais de eutrofización e toxicidade. No traballo obtivéronse resultados non só de grande interese científico senón tamén moi valiosos para o desenvolvemento de novas tecnoloxías que poden aplicarse a escala industrial. Entre elas, a xa doutora destaca a tecnoloxía granular aerobia que ofrece como principais vantaxes a menor necesidade de terreo e menor produción de fangos en comparación cos sistemas convencionais de lodos activos. Po riso, apunta, “estes sistemas son unha moi boa alternativa para o tratamento, entre outras, das augas residuais xeradas na industria de procesado de produtos do mar”. Outro aspecto estudado na tese é a avaliación de distintas alternativas para o posterior tratamento do lodo granular obtido, propoñendo a dixestión anaerobia como método que permite obter altas eficacias na redución dos sólidos contidos nos lodos así como a produción de biogás que pode ser utilizado como fonte de enerxía. Á vista dos resultados, esta tecnoloxía “pode contribuír a un aforro moi importante no tratamento de efluentes con alta carga orgánica e nitroxenada”, aclara a investigadora. O traballo ‘Aerobic granular biomass systems: a challenge for a better treatment and sludge management’ realizouse no Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC e dentro do programa de doutoramento con Mención de Excelencia ‘Enxeñaría Química e Ambiental’ baixo a dirección de Anuska Mosquera Corral, José Luís Campos Gómez e Ramón Méndez Pampín. Para a elaboración da súa tese Ángeles Val realizou varias estadías de investigación, entre elas no prestixioso Laboratorio de Biotecnoloxía Ambiental do Institut National de la Recherche Agronómique (INRA) en Narbonne (Francia), o que lle permite optar ao título con Mención Europea. O tribunal que avaliou a tese estivo composto por Manuel Soto Castiñeiras, da Universidade da Coruña; Heléne Carrére, do INRA; Luis Manuel Ferreira de Melo, da Universidade de Porto; Eugenia Suarez Ojea, da Autónoma de Barcelona; e Mónica Figueroa, investigadora de BEFESA.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2012.