Os titulados e tituladas en Humanidades e outras Ciencias Sociais pola USC, os mellor valorados polas empresas
A partir dos datos de 2.155 enquisas a responsables de contratación doutras tantas empresas de toda España, o segundo ránking Universidade-Empresa cualifica a USC como a universidade española con mellor percepción entre os empregadores no ámbito das Humanidades e outras Ciencias Sociais. Este informe da fundación everis sobre empregabilidade de recén titulados/as sinala que a USC é a mellor valorada en canto a honestidade e compromiso ético, habilidades interpersoais e a comunicación, capacidade de análise e resolución de problemas, a orientación a resultados así como os coñecementos técnicos que achega aos seus titulados/as para o exercicio da profesión.
Os titulados da USC no ámbito da Saúde e Benestar posicionan a institución compostelá no quinto posto de entre as universidades españolas, por detrás de Alicante, Barcelona, Navarra e Murcia. O ránking da fundación everis tamén contempla os datos de titulados en Informática e TIC; Administracións de Empresas, Económicas e Dereito; e en Ciencias e Enxeñarías.
No apartado de Humanidades e outras Ciencias Sociais atópanse agrupadas os graos en Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Educación Primaria, Educación Social, Pedagoxía, Mestre en Educación Infantil, Filosofía, Historia, Historia da Arte, Humanidades, Hispánica, Inglés, Literatura, Xeografía ou Ciencias Políticas, entre outras. Ao ámbito da Saúde e Benestar pertencen Enfermaría, Farmacia, Medicina, Nutrición Humana e Dietética, Odontoloxía, Óptica e Optometría, Veterinaria, Psicoloxía ou Traballo Social, entre outras.
Obxectivos
A finalidade específica deste estudo foi determinar as mellores universidades por cada ámbito de coñecemento e establecer as mellores universidades para as titulacións máis demandadas en España. Ademais tratouse de coñecer as competencias máis importantes en opinión dos empregadores e analizar as competencias necesarias nos titulados recentes para desenvolver axeitadamente o seu posto de traballo, sempre en opinión da entidade contratante.
Metodoloxía
O ránking elaborouse a partir das enquisas realizadas a responsables de contratación das empresas participantes, entendidos como os representantes das decisións de selección e contratación das empresas. En cada área de coñecemento tivéronse en conta un número mínimo de contratacións. Así, en Humanidades e outras Ciencias Sociais e en Saúde e Benestar tomáronse en consideración aquelas universidades que tiñan como mínimo 30 contratacións por ámbito de coñecemento.
En total o estudo recolle as valoracións de preto de cen titulacións impartidas por 82 universidades, mentres que as avaliacións baséanse no traballo realizado por 15.485 titulados recentes contratados por empresas españolas de 10 ou máis traballadores. No caso específico de Galicia, rexistráronse os datos de 129 empresas: 38 con entre 20 e 49 traballadores; 36, de 100 a 499 empregados/as e 25 de 50 a 99.