Os titulados das tres universidades galegas poderán facer prácticas nas empresas do Clúster Alimentario de Galicia

Os tres reitores galegos -Juan Casares Long, da USC; Salustiano Mato, da Universidade de Vigo; e José María Barja, da Coruña- asinaron este mércores en Santiago un convenio marco que permitirá a realización de prácticas profesionais nas empresas do Clúster Alimentario de Galicia. Na sinatura, que tivo lugar no Colexio de San Xerome, participou o presidente do Clúster, José Luis Antuña. O Clúster Alimentario de Galicia é unha asociación liderada e dinamizada polas empresas produtoras e transformadoras de alimentos e bebidas que traballa xunto con centros tecnolóxicos, universidades e outros axentes relacionados co sector. O acordo, que agora debe definirse máis polo miúdo en distintos convenios bilaterais, permitirá facer prácticas nas máis de cincuenta empresas asociadas no Clúster aos estudantes que cursasen algunha titulación relacionada co sector, estendéndose tamén á rama da economía ou o dereito, por exemplo. Os ámbitos nos que desenvolverán as súas tarefas serán fundamentalmente os de comercialización e innovación. Ábrese así un novo marco de colaboración que regula prácticas en empresas galegas que ás veces debido á súa pequena dimensión atopaban dificultades para participar en programas destas características. Isto suporá non só unha excelente oportunidade profesional para os titulados senón tamén en moitas das ocasións un avance en I+D para as empresas, que precisan de persoal cualificado, algo no que coincidiron hoxe os reitores e o propio Antuña.