Titulados da USC reciben 19 das 32 bolsas da Fundación Barrié para estadías de investigación no estranxeiro
A Fundación Barrié fixo pública recentemente a listaxe dos titulados universitarios que recibirán cada unha das 32 bolsas de posgrao no estranxeiro ofertadas este ano para a ampliación de estudos e a realización de labores de investigación (máster, doutoramento e estadías posdoutorais) en institucións académicas de todo o mundo. Dos 32 seleccionados, 19 cursaron os seus estudos na USC. Outros 8 estudantes das universidades galegas forman parte dos elixidos, 5 procedentes da Universidade de Vigo e 3 da Universidade da Coruña. Titulacións da USC como Bioloxía (Antón Barreiro Iglesias, Iria Gómez Touriño, Manuel Romero Bernárdez, Soledad Saburido Álvarez e María José Varela Liste), Química (Elena Pazos Chantrero, María José Romero Castro e Patricia Sanmartín Sánchez), Medicina (Francisco Campelo Parada e Lucía Silva Fernández), Farmacia (Laura Carro Santos), Enxeñería Química (David Don López), Matemáticas (Carlos Meniño Cotón), Ciencias Políticas (Carlota Rego Palleiro), Psicoloxía (María del Carmen Romero Pita) e Física (Carlos José Sierra Sánchez) teñen presenza nesta vixésimo terceira convocatoria das bolsas da Fundación Barrié. Representación do campus lucense Tres alumnos do campus da USC en Lugo figuran tamén entre os elixidos para gozar destas bolsas: Jaime Barros Ríos, enxeñeiro de montes, quen realizará unha estadía de investigación posdoutoral en The Noble Foundation (Estados Unidos); a veterinaria Yolanda Trillo Dono, quen se desprazará á University of California para desenvolver os seus estudos de doutoramento; e Pablo Guindos Bretones, enxeñeiro agrónomo, quen durante os próximos dous anos seguirá traballando na súa especialidade, o uso da madeira como material de construción, na Universidade Fraunhofer – Institute for Wood Research de Alemaña. A Fundación Barrié outorga estas bolsas de posgrao no estranxeiro co obxectivo de “apoiar universitarios vinculados a Galicia que teñan un proxecto académico, investigador ou profesional claro e de interese para a comunidade, e que estean altamente motivados para facelo realidade mediante programas de posgrao ou estadías de investigación nos mellores centros educativos ou investigadores do mundo”, segundo os seus responsables. Os 32 novos bolseiros recollerán as súas credenciais o día 7 de xullo nun acto que terá lugar na cidade da Coruña.