Toma de posesión do profesor Antonio Segura Iglesias como decano de Bioloxía
O reitor Antonio López presidirá este mércores 10 a toma de posesión do profesor Antonio Segura Iglesias como decano da Facultade de Bioloxía. O acto protocolario desenvolverase a partir das 13.30 horas na Aula Magna da propia Facultade. O profesor do Departamento de Bioloxía Funcional Antonio Segura Iglesias resultou reelixido decano nunha votación con 65 votos a favor e 7 en branco. Acompañan ao profesor Segura no equipo decanal Eva Candal Suárez como secretaria e Teresa Taboada Rodríguez e Isabel Santos Rodríguez como vicedecanas.
Antonio Segura
Antonio L. Segura Iglesias (Pontevedra, 1954) é profesor da área de Fisioloxía Vexetal e integrante do grupo de investigación VitisResearch, no que foi coordinador de varios proxectos financiados polo Ministerio e a Xunta de Galicia e tamén coa empresa. Como especialista en patoloxía vexetal é coautor de diversas publicacións relacionadas coa epidemioloxía, diagnóstico e transmisión de enfermidades de etioloxía vírica en viñedos, ademais de estudos sobre biotecnoloxía e a función xénica de vide. É decano dende 2014 e tamén colaborou nas labores de goberno coma secretario e vicedecano da Facultade no período 1995-2002.