Ir o contido principal

Tomou posesión a decana de Relacións Laborais

Silvia Moscoso Ruibal. FOTO: Santi Alvite
Silvia Moscoso Ruibal. FOTO: Santi Alvite
Mellora continua sobre os cimentos establecidos, eixo que vertebrará o mandato da reelixida decana de Relacións Laborais Silvia Moscoso
Santiago de Compostela

A aposta pola continuidade sobre os cimentos establecidos sen perder de vista a carreira pola mellora continua constitúe o eixo que vertebrará o novo mandato da decana de Relacións Laborais. Silvia Moscoso Ruibal tomou posesión este xoves do seu cargo nun acto presidido polo reitor Antonio López no que quixo subliñar que nesta nova etapa que agora inicia contará “coa participación e implicación de todos os colectivos que conforman a Facultade: profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos. Tratando de dar resposta ás lexítimas demandas de todos eles”. 

Moscoso Ruibal realizou na súa intervención un percorrido pola historia do centro dende 1942, xa que a Facultade é herdeira da Escola Social de Santiago na que se impartía a titulación de Graduado Social. A decana tamén quixo por en valor as titulacións que se imparten na actualidade, como por exemplo, o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos no que se forman máis de medio milleiro de estudantes e no que todos os anos se cubre a totalidade das prazas. 

“Se algo caracteriza o noso título de grao, é o perfil singular do noso alumnado, a multidisciplinariedade da súa capacitación e a súa particular adecuación ao mercado laboral”, sinalou Moscoso Ruibal. A decana tamén quixo destacar que neste título imparten docencia profesores de once departamentos e catorce áreas pertencentes a diversas disciplinas como son Dereito, Organización de Empresas, Psicoloxía, Economía, Historia, Socioloxía ou Estatística. “Unha recente enquisa que realizamos na Facultade, indica que o 72% dos titulados nos últimos anos atoparon traballo en postos relacionados coa titulación”, apuntou. O centro oferta asemade a dobre titulación en Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos. 

A decana puxo tamén en valor o master Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral e o master en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións e Psicoloxía Xurídica-Forense, sendo este último “un dos máis demandados da USC con arredor de catro solicitudes por praza en cada curso académico”. 

Singularidade
A decana aproveitou o seu discurso para reivindicar “a posición única de noso Centro, tanto no seo da USC como no Sistema Universitario de Galicia e noutras instancias e institucións como a Xunta de Galicia, ou o Concello de Santiago. Cremos que o perfil singular do noso alumnado, a multidisciplinariedade da súa formación e a súa particular adecuación ao mercado laboral son factores diferenciais que, entre todos, debemos destacar”. Moscoso Ruibal chamou a atención tamén na súa intervención sobre a oportunidade de implantar un programa de doutoramento único para Relacións Laborais e Recursos Humanos, pioneiro en España.
 

O reitor xunto á decana reelixida. FOTO: Santi Alvite
O reitor xunto á decana reelixida. FOTO: Santi Alvite

Primeira opción
O reitor destacou, pola súa parte, o positivo traballo realizado neste centro que ten posibilitado o seu rápido tránsito de escola a facultade, esforzo que se evidencia na súa oferta de grao e que o leva a ser de entre todos os que ofertan esta especialidade en Galicia, un dos de maior atractivo, como o demostra “o altísimo número de persoas que o escollen como primeira opción”. Dando continuidade a esta oferta docente, Antonio López tamén valorou positivamente o esforzo do centro en materia de  mestrado así como as propostas para ofrecer programas de doutoramento propios.

Antonio López vinculou as necesidades de crecemento do centro coas propostas que o goberno da Universidade está a desenvolver en materia de PDI tanto para a estabilización do profesorado como para establecer políticas axeitadas de acceso e promoción da carreira universitaria. Neste senso, lembrou que nos vindeiros catro anos a USC agarda poder convocar 140 prazas de profesorado axudante doutor. Antonio López tamén aludiu á necesidade de avanzar na adaptación dos servizos administrativos ás necesidades actuais e indicou que a USC traballa na dotación das unidades administrativas dos centros. 

Currículo 
Moscoso Ruibal é profesora de Psicoloxía do Traballo dende 2008, foi profesora convidada na Brunel University London e é decana de Relacións Laborais dende 2015. Coordinou o Máster Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral dende 2014 ata 2019 e co dirixiu o Máster propio en Xestión de Recursos Humanos nas Organizacións ata 2018.

Ten publicado arredor de medio cento de traballos, incluíndo artigos en revistas como Journal of Applied Psychology, Personnel Psychology, International Journal of Selection and Assessment, European Journal of Work and Organizational Psychology ou o European Journal of Personality. É tamén co autora de varios libros e capítulos de libros publicados en España e no estranxeiro. Ademais foi investigadora principal e colaboradora en varios proxectos de investigación do Plan Nacional de I+D.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2020.