Tórculo Artes Gráficas convoca a primeira edición do concurso 'Deseña' para novos deseñadores gráficos
Tórculo Artes Gráficas vén de convocar a primeira edición do concurso ‘Deseña’ para novos deseñadores gráficos co obxecto de apoiar, de forma permanente, ás novas promesas do deseño gráfico en Galicia. A empresa galega afincada en Santiago busca deste xeito entre os universitarios da USC promesas do deseño dada a crecente importancia que esta disciplina artística está a ter en Galicia.
Nesta primeira edición os participantes deberán crear o logotipo conmemorativo dos 25 anos de vida de Tórculo, baixo o lema ‘25 ANOS DE BOAS IMPRESIÓNS’, identidade gráfica que acompañará a Tórculo durante o vindeiro 2008.
O certame, ao que se poderá presentar calquera deseñador menor de 35 anos, está dotado cun premio de 3.000 euros. O prazo de presentación rematará o 30 de xaneiro de 2008 e o nome do gañador farase público no mes de febreiro.
O xurado desta primeira edición está composto por personalidades relevantes do mundo da comunicación e o deseño gráfico en Galicia como o director da SER en Santiago, Javier Otero; Pepe Barro, de Revisión Deseño; Chema Díaz, da axencia de publicidade Bap Conde; o director de El Correo Gallego, José Manuel Rei; e o deseñador gráfico, debuxante e ilustrador Fausto Isorna.