Ir o contido principal

O Tour Universitario Cajal chega a Santiago

A vicerreitora Pilar Bermejo, segunda pola dereita, na presentación da mostra no Campus Vida da USC. FOTO: Santi Alvite
A vicerreitora Pilar Bermejo, segunda pola dereita, na presentación da mostra no Campus Vida da USC. FOTO: Santi Alvite
Poderá visitarse en Compostela ata o venres, data na que Eva Soriano desenvolverá na Facultade de Medicina un espectáculo sobre o Nobel

O ‘Tour Universitario Cajal. Unha mirada ao esencial’ ofrece no Campus Sur desde hoxe unha mostra en homenaxe ao Nobel Santiago Ramón y Cajal que se poderá ver ata o vindeiro venres na praza Rodríguez Cadarso. A vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, interveu este martes 21 na rolda de prensa de presentación, e canda ela estiveron na rolda de prensa o terceiro tenente de alcaldesa do Concello de Santiago, Xesús Manuel Domínguez Domínguez; a directora de marketing da firma patrocinadora da mostra, Dacia España, Alaitz Garin; e o  director do Tour Universitario Cajal, Jesús Ramos.

Pilar Bermejo louvou a iniciativa de crear unha mostra itinerante e salientou "a necesidade de divulgar a investigación de forma asequible", pois "a divertida é a forma máis adecuada" de facer divulgación. Asegurou, ademais, que "a investigación require paixón".

Esta mostra itinerante, iniciativa da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e organizada por 3,2,1,Imagine, serve para dar a coñecer a vida e obra do premio Nobel Santiago Ramón y Cajal á mocidade, especialmente universitaria, conmemorando así o 170 aniversario do seu nacemento. Dividido en distintas zonas, o Tour é gratuito e permitiralle a toda a comunidade universitaria coñecer a vida e éxitos de Ramón y Cajal. Comeza coa visita a unha unidade expositiva de grandes dimensións, no interior da cal se recreou un laboratorio de principios do século XX, onde a actriz Eva Soriano conversa co Nobel.

No exterior da exposición, simulando un autocine, modelos da marca Dacia estarán orientados cara a unha gran pantalla onde as persoas participantes poderán tomar parte, a través dos seus propios teléfonos móbiles, nun jogo Kahoot e conseguir entradas gratuítas para ver a actuación de Eva Soriano o venres á tarde na Facultade de Medicina, onde estará acompañada pola DJ Carpantis, e xuntas ofrecerán un espectáculo cargado de humor, música e ciencia.

Finalmente, na zona chamada Eco-Esencial, invítase as persoas visitantes a relaxarse, mentres descobren que é para elas o esencial da vida, interactuando coas súas redes sociais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2023.