O traballador da USC Alberto Aneiros gaña o I concurso de microrrelatos

Alberto G. Aneiros, traballador da Biblioteca da USC, é o gañador da primeira edición do concurso da USC de microrrelatos en galego coa obra Unha muller de principios que, segundo o xurado, destaca polo dominio da linguaxe que demostra o seu autor e pola refinada e intelixente ironía que deixa ver . O segundo premio recaeu tamén noutro traballador desta casa, Paco Castro, pola obra No arrabalde. Neste caso, o xurado salienta o ambiente creado na peza literaria e o achegamento á personaxe, “valorados aínda máis nun texto de menos de duascentas palabras”. A entrega dos premios –un lote de libros de narrativa de Edicións Xerais– tivo lugar este xoves na Biblioteca Concepción Arenal nun acto ao que asistiu o xurado e o gañador do segundo premio (Alberto Aneiros escusou a súa presenza). A convocatoria, aberta a toda a comunidade universitaria, é unha das iniciativas que a Concepción Arenal organiza, nesta ocasión en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC, con motivo do seu décimo aniversario e que desenvolveu en conmemoración do Día das Letras Galegas.