Ir o contido principal

Un traballo Excelsior do IV Ciclo Universitario da USC reivindica a educación permanente como “eixo transversal” para o benestar

Olveira, Panadero Carral e Rodríguez, na Facultade de Formación do Profesorado da USC
Olveira, Panadero Carral e Rodríguez, na Facultade de Formación do Profesorado da USC
Aniceto Panadero convértese no primeiro alumno do IV Ciclo Universitario da USC que completa os programas de formación sénior obtén o grao Excelsior na última década

A educación permanente debe considerarse como eixe transversal do desenvolvemento persoal e tamén para a mellora do grao de benestar, segundo reivindica o estudantes de IV Ciclo Universitario da USC Aniceto Panadero Vázquez, no estudo para a obtención do grao Exclesior titulado ‘ Análise de aspectos educativos e culturais do IV Ciclo Universitario no campus de Lugo’, que vén de presentar este venres na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

Panadero Vázquez aborda neste traballo, dirixido por Antonio Rodríguez Martínez, profesor do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social da USC, unha reflexión sobre a súa propia traxectoria vital como estudante sénior no marco do IV Ciclo Universitario da USC, un programa de “formación e ocupación” que contribúe de xeito salientable ao mantemento de actitudes dinámicas e proactivas. O traballo de investigación para a obtención do grao Excelsior presentado este venres por Aniceto Panadero, o segundo estudo destas características desenvolvido no campus de Lugo desde a implantación do programa de IV Ciclo Universitario da USC hai xa 18 anos e o primeiro exposto na USC na última década, foi avaliado por un tribunal académico presidido por Mª Esther Olveira Olveira e do que tamén formaron parte os profesores Antonio Rodríguez Martínez e Emilio Carral Vilariño. A directora do IV Ciclo Universitario da USC aproveitou a celebración deste acto de carácter académico e no que congregou un nutrido grupo de estudantes sénior para trasladar os seus parabéns ao novo graduado Excelsior, ademais de para animar ao resto das persoas implicadas neste programa de formación de maiores a desenvolver estudos e traballos orientados á obtención do máximo título académico que se expide ao estudantado de IV Ciclo Universitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2016.