Ir o contido principal

Un traballo do investigador do IGFAE José Edelstein, mención honorífica da Gravity Research Foundation

José Edelstein é profesor de Física Teórica da USC e investigador do IGFAE
José Edelstein é profesor de Física Teórica da USC e investigador do IGFAE
O profesor de Física Teórica da USC foi premiado por segunda vez neste concurso de ensaios científicos que busca promover o estudo sobre a gravidade

A Gravity Research Foundation acaba de outorgar unha das súas mencións honoríficas ao investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e profesor de Física Teórica da USC José Edelstein. É a segunda vez que a institución estadounidense recoñece o traballo deste físico, premiado en 2015 con outra mención honorífica. O palmarés histórico inclúe figuras como Stephen Hawking e Roger Penrose e varios premios nobel como George Smoot, Gerard't Hooft ou Frank Wilczek.

O ensaio galardoado, asinado xunto a Gustavo Arciniega, Pablo Bueno, Pablo Cano, Robie Hennigar e Luisa Jaime, presenta un traballo no que se identifica un mecanismo que explicaría a rápida expansión do Universo no período denominado inflación, onde este se expandiu cencuatrillóns de veces en menos dunha quintillonésima de segundo, pouco despois do Big Bang. Os autores propoñen que este crecemento acelerado podería deberse á propia natureza xeométrica da gravitación e non a un axente externo denominado inflatón, como prescribe a explicación máis aceptada. O mecanismo de inflación xeométrica que se promove no ensaio titulado “Cosmic inflation without inflaton” mostra que, baixo a hipótese de que a gravitación e a mecánica cuántica foron compatibles naqueles instantes, a expansión exponencial do Universo temperá sería inevitable.

A Gravity Research Foundation foi fundada por Roger W. Babson en 1949 co obxectivo de estimular a investigación sobre a gravidade, as súas aplicacións e efectos, creando un concurso anual de ensaios científicos. Nesta última edición, o primeiro premio recaeu nun traballo de Alessio Belenchia, Robert M. Wald, Flaminia Giacomini, Esteban Castro-Ruiz, Caslav Brukner e Markus Aspelmeyer.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2019.