Un traballo sobre a Ribeira Sacra, finalista do XX Premio Tribuna Fitur

O traballo ‘Ribera Sacra. Un lugar, un destino, un patrimonio y un recurso’ da investigadora e colaboradora do grupo Iacobus da USC Ana Mesía López foi seleccionado como finalista do XX Premio Tribuna Fitur Jorge Vila Fradera. O anuncio coincide coa declaración hai poucos días da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural.
O día 23 deberá defendelo en Madrid na xornada técnica de Fitur, unha sesión da que sairá o traballo gañador entre os tres finalistas que participan. O galardón ten como obxectivo incentivar, recoñecer e editar os mellores estudos relacionados co sector turístico, favorecendo así a difusión deses traballos no eido empresarial.
A investigación de Ana Mesía parte da súa tese de doutoramento, defendida o pasado mes de xuño na USC e dirixida polo profesor Juan Monterroso, que leva por título ‘El potencial turístico de los conjuntos históricos de Galicia. Villas y pueblos’.
En concreto, para a convocatoria de Fitur pon o foco en Monforte de Lemos e Castro Caldelas, as dúas cidades históricas da Ribeira Sacra declaradas ben de interese cultural na categoría de conxunto histórico pero que, en opinión da autora, “o enorme poder de atracción turística que está orixinando a Ribeira Sacra en xeral, sobre todo vinculado ao mundo do viño e aos mosteiros da parte de Ourense, as deixa nun segundo plano”.
O traballo pretende visibilizalas no contexto da Ribeira. “Debemos entendelas, visitalas e planificalas como a unión dos bens que forman o patrimonio e o interese polo turismo cultural, que debe ser apreciado e desenvolvido para a conservación da cultura e capaz de captar os aspectos económicos e aproveitalos para a súa comercialización turística desde unha óptica sustentable”, di Mesía.
Só deste xeito, conclúe a investigadora, xeraranse fondos que redunden na conservación do patrimonio, nun efecto “de ida e volta” que debe contribuír a financiar proxectos de mantemento, rehabilitación, novos usos e conservación.