Ir o contido principal

Un traballo da USC, premio especial do VIII Certame Universitario Arquímedes de Introdución á Investigación Científica

O estudo explora a dinámica de competición establecida nunha zona con dúas linguas e posibilidade de bilingüismo

O traballo ‘Estabilidade da convivencia de dúas linguas realizado polo alumno Luís F. Seoane baixo a dirección do profesor da Facultade de Física Jorge Mira foi galardoado onte xoves en Cáceres co Premio Especial do Certame Universitario Arquímedes de Introdución á Investigación Científica, convocado pola Dirección Xeral de Política Universitaria do Ministerio de Educación.
Ao premio concorreron 107 participantes de 32 universidades españolas, repartidos en catro áreas: enxeñaría e arquitectura, ciencias sociais e humanidades, ciencias biomédicas e ciencias ambientais e experimentais. Do total dos traballos presentados, unha comisión de expertos seleccionou 25 –o de Seoane foi o único galego- para defendelos nunha fase final que tivo lugar na Universidade de Estremadura esta semana.
O xurado, entre o que figuraban o secretario xeral de Universidades, Màrius Rubiralta, o director xeral de Política Universitaria do Ministerio, Felipe Pétriz, e o presidente do CSIC, Rafael Rodrigo, outorgou premios sectoriais dentro de cada unha das catro áreas e un Especial, o Universidade de Estremadura, de entre o total dos 25 finalistas que foi o recibido polo equipo da USC.
O traballo de Luis Seoane enmárcase dentro dunha liña desenvolvida polo profesor Jorge Mira que explora, dende unha perspectiva cuantitativa, a dinámica de competición establecida nunha zona con dúas linguas e posibilidade de bilingüismo, como é a situación que ten lugar en Galicia.
En base a parámetros sinxelos, como o estatus socioeconómico percibido para cada unha das linguas e a similitude entre elas, reprodúcese con éxito a evolución histórica do número de falantes nos tres grupos lingüísticos de Galicia e mesmo se fan proxeccións dos números de falantes no futuro. No traballo premiado os investigadores demostraron que é posible a estabilidade da situación bilingüe, un feito sobre o que non existe consenso actualmente na comunidade científica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2009.