Ir o contido principal

Os traballos de exhumación na fosa común de Castro-Pixeiros en Viana do Bolo céntranse na procura de Anunciación Casado

Traballos de exhumación en Viana do Bolo
Traballos de exhumación en Viana do Bolo
As accións enmárcanse no Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia 2023 liderado por un equipo interdisciplinario da USC para localizar, identificar e exhumar as vítimas da violencia franquista en Galicia
Santiago de Compostela

Os traballos de exhumación da fosa común de Castro-Pixeiros, en Viana do Bolo, deron comezo este luns 23 no marco do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia 2023. O equipo encargado dos traballos atópase integrado por especialistas en historiografía, antropoloxía forense, arqueoloxía e xenética que pescudan sobre o pasado da violencia franquista en Galicia. A persoa que tentan localizar na parroquia de Pixeiros é Anunciación Casado, que contaba con 38 anos cando a asasinaron, o 21 de agosto de 1936, na curva das Revendeitas, na estrada que vai da Gudiña a Viana. Foi inscrita no rexistro de defuncións do xulgado de Viana do Bolo, o 30 de agosto dese mesmo ano, en virtude dun oficio do xuíz de instrución do Partido. A pesar de que a súa morte foi rexistrada a consecuencia de “fractura y destrución de la masa cerebral”, en realidade, a propia natureza do crime e das feridas que sufriu constitúen un “paseo”, tal e como explican dende o equipo de investigación.

Por parte da USC, a través do grupo de investigación de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra), integran o equipo o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e o profesor Antonio Míguez Macho, os cales coordinan un equipo formado por arqueólogos dirixidos polo profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) Fernando Serrulla Rech e o equipo de xenética do Instituto de Ciencias Forenses 'Luis Concheiro'. En futuras datas, o equipo intervirá tamén nas fosas do cemiterio de San Salvador de Trasanquelos (Oza-Cesuras) e na de Santa María do Val (Narón).

Ademais das tarefas de localización, exhumación e identificación, o Plan conta con outras dúas liñas estratéxicas relativas á divulgación dos traballos efectuados e dos seus resultados, xunto coa dignificación dos puntos de enterramento e promoción dos lugares de memoria. Entre 2021 e 2022 realizáronse os traballos de investigación e exhumación das fosas de Vilagarcía de Arousa e Crecente (2021), Celanova, Lousame e A Capela (2022), alén de comezar as investigacións da fosa de Serantes (Ferrol) e a actualización do mapa de fosas “onde na actualidade contamos con 91 localizadas”, explican dende Histagra. En doce delas, os restos foron trasladados a Cuelgamuros en diferentes anos. Para a presente anualidade, contémplase o recoñecemento do espazo da fosa común do cemiterio de Celanova, a de Vilagarcía de Arousa, Crecente e Lousame.

Axuda da sociedade civil

“Seguimos actualizando o mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de asasinados/as pola violencia franquista”, explican dende Histagra. “O contacto cos axentes sociais é imprescindible, por iso facemos un chamamento a todas as persoas que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos”, engaden. “De novo, a axuda e a presenza da sociedade civil de Galicia, a través das asociacións de memoria democrática, investigadores locais e familiares de asasinados/as, convértese nun piar fundamental da investigación”, afirman. As persoas interesadas poden contactar co equipo investigador a través de histagra [at] usc.es (histagra[at]usc[dot]es)

En agosto de 2023 asinouse entre a USC e a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo, e a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, o convenio de colaboración para poñer en marcha a anualidade 2023 do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, seguindo o impulso da Secretaría de Estado de Memoria Democrática.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2023.