Ir o contido principal

#traduceTED premia a calidade da subtitulación en galego de charlas e vídeos TED de divulgación científica

Imaxe do vídeo galardoado co primeiro premio na modalidade A en 2023, con subtítulos de Pilar Brocos
Imaxe do vídeo galardoado co primeiro premio na modalidade A en 2023, con subtítulos de Pilar Brocos
O certame convócao a Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación, a través do Servizo de Normalización Lingüística, e ábrese a toda a sociedade

Despois de oito anos promovendo a subtitulación en galego de charlas e vídeos TED de ciencias da saúde a través do concurso #TEDSaúde, este ano o Servizo de Normalización Lingüística da USC amplía o foco e abre o certame á subtitulación de vídeos TED de divulgación científica en calquera ámbito, cambiándolle o título a #traduceTED.

Para participar, hai que inscribirse no concurso entre o 15 de xullo e o 27 de setembro. Cando reciba a inscrición das persoas interesadas, Normalización achegaralles a información necesaria para poder elixir unha ou varias charlas coas que concursar e comezar a subtitulalas.

Pode presentarse ao concurso calquera persoa, nunha das dúas modalidades de participación: a modalidade A é a reservada para o estudantado, PDI ou PAS da USC durante o ano 2024 e a modalidade B está aberta a persoas adultas alleas á USC. Para participar compre subtitular ao galego cando menos unha charla ou vídeo TED de divulgación científica a través da plataforma que emprega TED.com e as persoas inscritas na modalidade A poderán participar ademais nun obradoiro de formación sobre o manexo da aplicación que se emprega para subtitular.

Os mellores traballos de subtitulación presentados en cada modalidade serán recoñecidos cun dos seguintes premios: na modalidade A o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 250 e o terceiro de 200, e todos eles ademais recibirán un diploma honorífico; na modalidade B o primeiro premio son 300 euros e o segundo son 250 euros e os dous recibirán ademais diploma honorífico.

O prazo de entrega das subtitulacións remata o 31 de outubro. Un xurado valorará os traballos de subtitulación presentados ao concurso e elixirá os merecentes de premio en cada modalidade, tendo en conta os criterios explicitados na convocatoria.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2024.