A transferencia e as sinerxías entre USC e sociedade, a debate este martes nun foro con empresas na Casa do Saber de Lugo

O foro Lugo cara o futuro, promovido pola USC en colaboración con El Progreso, aborda este martes, a partir das 10.00 horas, na Casa do Saber, as sinerxías e as transferencias existentes entre universidade e sociedade, ao tempo que se reflexionará sobre a orientación que debe ter esta relación nos vindeiros anos para acadar resultados óptimos a prol do desenvolvemento e do benestar social.
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, abrirá, ás 10.00 horas, esta sesión de análise e debate estruturada en tres faladoiros sobre os sectores produtivos primarios, mobilidade e tecnoloxía e xestión cultural, no marco do que representantes do tecido empresarial e da cultura expoñerán as súas respectivas perspectivas, inquedanzas e opinións, xunto con responsables e persoal técnico da USC.
A profesora Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Innovación e Transferencia, abrirá a quenda de intervencións da primeira mesa redonda, unha sesión moderada polo subdirector de El Progreso, Tito Diéguez, e cuxa temática xirará arredor do sector primario. O xerente de Adegas Moure, Evaristo Rodríguez; o director da fábrica de Lactalis en Vilalba, Javier Pozueta; o presidente da asociación LugoMadera, Daniel Díaz Ramos, e Amalia Fernández Cruz, de Pescados Rubén, achegarán a visión empresarial neste faladoiro.
O xornalista Arsenio Coto moderará a mesa redonda sobre mobilidade e novas tecnoloxías, un foro no que intervirán como relatores o profesor Alberte Castro Ponte e a técnico da Área de Valorización e Transferencia da USC Patricia González. A directora de proxectos de Norvento, Mari Luz Lozano; o administrador de Agroamb, Severiano Ónega, un representante de Mombus e Marco Rubinos, co fundador da consultoría de enxeñaría medioambiental 3edata, completan o panel de relatores.
Un faladoiro sobre cultura e xestión cultural, moderada polo xornalista e escritor Santiago Jaureguizar, dará continuidade a o foro Lugo cara o futuro. A programadora cultural do campus de Lugo da USC, Paloma Lugilde; o director de cine Jorge Coira; o escritor Antonio Reigosa; o presidente da Fundación Novoneyra, Uxío Novoneyra; Celestino Muinelo, da organización do festival FaCeLa Fest, e o directivo da Sociedade Filarmónica Lucense e da asociación de jazz Escobijazz, José Luis Díaz, completan a quenda de relatores a última mesa de debate.
A participación neste foro é libre e de balde ata completar o aforo do auditorio da Casa do Saber de Lugo, cunha capacidade aproximada de 90 persoas. Ao remate das sesións programadas, o reitor da USC, Antonio López, pechará o evento a través do que a USC quere facer visible a súa fonda pegada na sociedade luguesa.