Ir o contido principal

Un tratamento psicolóxico da USC combinado cunha app para deixar de fumar obtén moi altos resultados de abstinencia

Diversas pantallas da app SinHumo
Diversas pantallas da app SinHumo
O estudo vén de ser publicado na revista científica Nicotine & Tobacco Research

O 77% das persoas que realizaron un tratamento para deixar de fumar na Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC conseguírono cun tratamento psicolóxico aplicado a través de videochamadas e co apoio da app ‘SinHumo’. Os resultados foron publicados en Nicotine & Tobacco Research, a revista de referencia en estudos de tabaquismo, no artigo ‘The Efficacy of the SinHumo App Combined With a Psychological Treatment to Quit Smoking: A Randomized Clinical Trial’, froito dunha investigación dirixida polos docentes Elisardo Becoña e Ana López, ambos os dous da Unidade da USC.

Outro resultado relevante da investigación, que contou cun período de seguimento de 12 meses, é que a adherencia e seguimento ao tratamento é moi elevada e cun nivel de satisfacción moi alto: un 85% das persoas fumadoras indicaron estar moi satisfeitas co tratamento recibido e a utilización da app.

Trátase dun dos primeiros estudos realizados que utiliza unha metodoloxía baseada nun formato a distancia, “con excelentes resultados e datos de abstinencia similares aos tratamentos psicolóxicos para deixar de fumar presenciais”, explica Becoña. “Este estudo mostra que se poden utilizar con éxito os recursos tecnolóxicos, como son as videochamadas e aplicacións móbiles, para o tratamento das persoas fumadoras seguindo un tratamento psicolóxico”.

Para os autores do estudo, a posibilidade de realizar estes tratamentos a distancia non só facilita a súa realización senón que “este tipo de formato é atractivo para persoas fumadoras que non pensan deixar de fumar con outros tratamentos convencionais, como as persoas de menor idade, por exemplo.”.

A investigación publicada é un novo paso no desenvolvemento, avaliación e difusión de tratamentos psicolóxicos eficaces para as persoas fumadoras que desde hai 40 anos vén realizando a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC. “Tanto pola súa eficacia, como pola valoración das persoas fumadoras que participaron no estudo, este resultado é un avance importante para a abordaxe da conducta de fumar e, especificamente, no uso de tratamentos psicolóxicos eficaces”, engaden.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2024.