Ir o contido principal

Un total de trece candidaturas optan ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

O premio busca mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego. FOTO: Santi Alvite
O premio busca mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego. FOTO: Santi Alvite
O certame chega xa á súa vixésimo quinta edición
Lugo

A convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural rexistrou un total de trece candidaturas na que xa é a súa vixésimo quinta edición. Será o vindeiro venres, 31 de xaneiro, cando os membros do xurado examinen todas as propostas presentadas e se dea a coñecer o ditame deste galardón que conta cunha dotación de 10.000 euros e un diploma de mérito.

A listaxe de candidaturas intégrana Chichalovers, Agrolistik, Aldealista, Asociación Fonte do Milagro, Asociación Mariñas Betanzos, a Cátedra do Pan e do Cereal da USC, Proxecto H2GZ Área Viveiro, Muvicla, Asociación Raíña Paraíso, Biogás-Frigoríficos Bandeira, Foro Emprendemento Rural, Gandería Quintián e Traloagro.

O xurado, composto nesta ocasión polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; o CEO de Torre de Núñez, José Manuel Núñez Torre, e o que fora reitor da USC e, na actualidade, director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, Senén Barro Ameneiro, examinará a totalidade das candidaturas e dará a coñecer publicamente a gañadora este venres 31 nun acto que terá lugar ás 18.00 horas, na sala de prensa do Pazo de Montenegro na cidade de Lugo.

O Premio Aresa leva xa un cuarto de século recoñecendo proxectos que son clave na creación de emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro “como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego”, tal e como establecen as bases do certame.

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria da USC (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería da USC (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022), e Moexmu (2023). 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.01.2025.