Ir o contido principal

Trescentas bicicletas súmanse dende esta semana ao tráfico sustentable dos campus de Santiago e Lugo

Este martes iníciase o reparto de bicicletas da IV Edición do Programa de Préstamo de Bicicletas da USC

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, pon en marcha por cuarto ano consecutivo o Programa de Préstamo de Bicicletas da USC en colaboración coa asociación ecoloxista Verdegaia. As primeiras bicicletas entregaranse no campus de Santiago este martes 16 en horario de 11:00 a 14:00 no Almacén da USC. No campus de Lugo comezaranse a repartir o xoves 18 de marzo, en horario de 11:00 a 14:00, na Facultade de Veterinaria.
O calendario completo de entrega pode consultarse na web da Oficina de Desenvolvemento Sostible, onde tamén se encontra a listaxe de persoas que resultaron seleccionadas para participar no Programa así como a listaxe de agarda.
A iniciativa permitirá que preto de 300 membros da comunidade universitaria dispoñan de unha bicicleta durante os meses que dura a campaña sempre que se comprometan a utilizala correctamente e a devolvela en perfecto estado de uso. Este programa permite fomentar o uso da bicicleta á vez que estudar a evolución no uso deste medio de transporte no entorno das cidades de Santiago e Lugo.
Na actual convocatoria recibíronse 399 solicitudes, das cales un 86% corresponden a estudantes, un 5% a persoal docente e investigador e un 4% a persoal de administración e servizos. Respecto aos centros docentes, a Facultade de Medicina e Odontoloxía subscribiu 60 solicitudes, seguida pola Escola Politécnica Superior con 54 e pola Facultade de Ciencias da Educación e a Facultade de Veterinaria.
DescontosAdemais de pór a disposición da comunidade universitaria as bicicletas en préstamo, tamén se facilitan descontos na merca de bicicletas e material complementario nunha tenda en Santiago e outra en Lugo. O Programa de Préstamo de Bicicletas enmárcase nas iniciativas que promove a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC centradas en promover a mobilidade sostible.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2010.