Ir o contido principal

Trescentas persoas participarán en Lugo nun curso pioneiro sobre conservación da fauna silvestre

José Ramón Gómez Besteiro e Carlos Herrero presentaron o segundo curso para veterinarios de fauna silvestre
José Ramón Gómez Besteiro e Carlos Herrero presentaron o segundo curso para veterinarios de fauna silvestre
O prazo de inscrición segue aberto ata o día 14

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, e o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos osegundo ‘Curso de Veterinaria en Fauna Silvestre. Recuperación de Especies Mariñas e Terrestres’ que se desenvolverá na Facultade de Veterinaria do campus lugués os días 19, 20 e 21 deste mes.
Trescentas persoas, principalmente estudantes e titulados en Veterinaria, Bioloxía ou nas Enxeñarías Forestal e Agrónoma inscribíronse xa nesta xornada pioneira sobre a conservación da fauna silvestre, un contido que non se imparte en ningunha outra facultade española. O prazo de matrícula segue aberto ata o vindeiro día 14.
O obxectivo destas sesións, organizadas polo Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC e a Sociedade Galega de Especialistas en Veterinaria de Fauna Salvaxe (VEFAS), é dotar aos asistentes de coñecementos sobre o papel dos profesionais na conservación das especies salvaxes co fin de aumentar o seu abano de posibilidades á hora de buscar emprego. Entre outros temas abordarase a situación do lobo, do corzo e da cabra montesa en España, os métodos de exploración en mamíferos mariños, as intoxicacións e envelenamentos da fauna salvaxe ou a tecnoloxía da reprodución aplicada á conservación das especies silvestres.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2010.