Ir o contido principal

Máis de trescentos xenetistas españois celebran en Santiago o seu vixésimo quinto congreso anual

O presidente da Xunta de Galicia inaugura este mércores en Fonseca o XXV Congreso Nacional de Xenética Humana

Máis de trescentos xenetistas de toda España profundarán dende este mércores e ata o venres 19 en cuestións científicas como a xordeira, a xenética do cancro, o diagnóstico prenatal e preimplantacional ou a xenética clínica.
A Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, e nomeadamente os profesores Fernando Domínguez e Ángel Carracedo, é a encargada este ano de organizar o conclave anual, que xa vai polo vixésimo quinto, da Asociación Española de Xenética Humana.
O XXV Congreso Nacional de Xenética Humana desenvolverase enteiramente no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, aínda que a sesión inaugural que terá lugar este mércores 17 ás 20:30 horas celebrarase no Salón Nobre do Colexio de Fonseca baixo a presidencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó. Asisten ademais a este acto a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Investigación, María José Alonso; o director xeral técnico do Patronato sobre Discapacidad, Ignacio Robles; o decano de Medicina, José María Fraga, e o presidente da Asociación Española de Xenética Humana, Feliciano Ramos.
Logo da inauguración e seminarios previos sobre novas tecnoloxías e aspectos ético-legais, o congreso dará comezo o xoves 18, ás 8:30 horas en San Lázaro, coa conferencia ‘As múltiples formas do xenoma: na encrucillada da adaptación do organismo’, que pronunciará Xavier Estivill, do Centro de Regulación Xenómica (CRG) de Barcelona.
Deseguido desenvolverase unha mesa redonda sobre discapacidade no que se tratará o problema concreto da xordeira dende o punto de vista xenético. Logo da prosentación de numerosas comunicacións, a Asociación Español ade Xenética Humana celebrará a súa asemblea ordinaria. Xa a sesión científica da tarde dedicarase ao estudo da xenética do cancro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2009.