Ir o contido principal

Trinta e oito cursos na Universidade de Verán da USC

A desenvolver en dezaseis localidades galegas

A Universidade de Santiago ten programados para este verán un total de 38 cursos a desenvolver na segunda quincena de xullo e a primeira de setembro en 16 emprazamentos distintos da xeografía galega. Os detalles da Universidade de Verán 2010 presentáronos en rolda de prensa a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, e o director da programación, Pablo Sampedro.
Cunha ampla e variada temática, os cursos desenvolveranse en Compostela e Lugo, nos Campus de Verán de Muros e Sarria, e en Guitiriz, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Castro de Rei, Foz, Forcarei, Lalín, Monforte de Lemos, Ordes, Pontedeume, Ribadeo e Triacastela.
O prazo de matrícula abrirase o 25 de maio para os que a efectúen por internet e a partir do 15 de xuño para quen a formalice de maneira presencial. Este ano a inscrición rematará o día de comezo de cada curso.
Santiago e LugoEn Santiago, e no mes de xullo, desenvolveranse cursos sobre a protección xurídica do persoal sanitario e dos pacientes, a reforma do financiamento local, o medioambiente en Galicia, textos científicos, o turismo en Galicia, a eficacia e implicacións da cooperación española ao desenvolvemento, a educación social nos servizos sociais e a intelixencia artificial. Xa en setembro os cursos versarán sobre relixións abrahámicas-monoteístas, estatísticas e indicadores de xénero, a fame, prestación dos servizos sanitarios e Orwell.
A interacción de alimentos e medicamentos e as instalacións industriais son as temáticas dos dous cursos previstos no campus de Lugo para xullo, mentres que en setembro tratarán a caracterización e monitorización de hábitats e os accidentes de circulación.
Campus de Verán de Muros e SarriaO Campus de Verán de Muros acollerá catro seminarios sobre violencia de xénero, innovación e coñecemento na pesca industrial, mediación lingüística e integración de inmigrantes en Galicia e deseño de produtos turísticos de calidade. No de Sarria trataranse cuestións relacionadas co desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia de Lugo e o Camiño de Santiago.
Outras sedesPaisaxes naturais e culturais e estratexias na xestión da auga serán as temáticas dos cursos de Guitiriz, mentres que en Vilagarcía de Arousa se impartirán outros dous sobre economías ecolóxica e mediación familiar.
A inmigración en Galicia será a temática do curso de Caldas de Reis, o manexo de agroecosistemas sostibles o de Castro de Rei e en Foz celebrarase a novena edición do Curso de Historia da Educación. O resto da programación contempla un curso en Forcarei sobre agroecoloxía e soberanía alimentaria, outro en Lalín sobre igualdade de oportunidades, o de Monforte de xestión ecosistémica de áreas irrigadas, o de Ordes sobre xestión integral de residuos, un en Pontedeume sobre novos modelos familiares, o deseño de agroecosistemas sostibles en Ribadeo e un último en Triacastela sobre a vida na montaña luguesa na idade de xeo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2010.