O Trío Adartia propón este mércores no Paraninfo un percorrido pola historia para revivir as obras das mulleres compositoras

A historia da música está chea de grandes mestras que nos legaron obras de gran valor pero que son grandísimas descoñecidas. Algunhas, como Cara Schumann ou Fanny Mendelssohn, tiveron a sorte de ser coñecidas no seu tempo grazas en boa parte a que pertencían a unha familia de músicos famosos, pero a maioría viu sepultada a súa autoría e as súas obras.
Para rachar con este silencio, a Universidade de Santiago organiza este mércores 7 o concerto ‘Mulleres compositoras. Música en feminino’, que propón un percorrido pola historia que permita revivir as obras desas mulleres que, nunha sociedade que non as comprendía, se dedicaron á complicada arte da composición acadando excelentes resultados.
O recital, ás 20.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia con entrada libre, correrá a cargo de Adartia, un trío de frauta, violonchelo e piano nacido en 2009 e formado por intérpretes de gran experiencia no mundo artístico e musical. Sen esquecer as obras dos grandes compositores, o trío Adartia xurde coa intención de favorecer a difusión dun repertorio pouco coñecido e a miúdo esquecido, pero de enorme interese histórico e musical como é o da música composta por mulleres ao longo da historia.
Baixo esta premisa, o repertorio inclúe diferentes estilos e épocas, desde o Barroco ata a creación actual. Soarán pezas de Ana Amalia Von Preusen, Leopoldine Blahetka, Louise Farrenc, Mel Bonis, Chantal Auber e Merce Torrents.