O trío de música barroca Gradicela ofrece na Igrexa da Universidade o quinto concerto do ciclo Música na Compañía
O trío de música barroca Gradicela ofrecerá este xoves, día 14, na Igrexa da Universidade o quinto concerto do ciclo Música na Compañía que organiza a Vicerreitoría de Cultura da USC. A entrada ao recital é libre.
Baixo o título ‘A sonada sona da sonata: desde Paolo Cima a Bach’, Gradicela presentará ás 20:30 horas un programa de música barroca francesa e italiana interpretado con instrumentos orixinais (violín barroco, viola de gamba e tiorba), que pretende percorrer a forma sonata barroca desde as súas orixes ata o seu esplendor con obras de Marin Marais, Paolo Cima, Giovanni Battista Fontana e Joseph Bodin de Boismortier.