O I TriviGal avanza na integración e na socialización en lingua galega do alumnado foráneo de Veterinaria
O I TriviGal, un torneo de trivial en galego, promovido pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade e Veterinaria do Campus de Lugo xunto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC, a fin de favorecer así a socialización do seu alumnado e do resto do estudantado da sede universitaria luguesa, rexistrou preto de 20 de participantes, repartidos en cinco equipos.
A iniciativa de dinamización en lingua galega coordinada por Uxía Yáñez Ramil e dirixida ao estudantado de Veterinaria, aínda que aberta á participación doutras persoas convidadas, consistiu nunha versión adaptada do popular xogo do trivial, pero en lingua galega e con cuestionario de elaboración propia. De feito, o I TriviGal xurdiu como unha alternativa para favorecer as relacións entre o propio alumnado e tamén o coñecemento do campus e da cidade de Lugo, nun ambiente informal e lúdico, segundo comentou o técnico do SNL Xusto Rodríguez.
A elección da Facultade de Veterinaria como sede desta actividade vén xustificada polo feito de que se trata do centro universitario lugués que capta un maior número de estudantes procedentes de fóra de Galicia, unha porcentaxe que neste curso 2022-23 sitúase no 55%, segundo indicou o decano Gonzalo Fernández Rodríguez.
Os promotores do I TriviGal salientan a boa acollida entre a mocidade dunha convocatoria que, de seguro, terá novas edicións en próximos anos. Asemade, alén de facer fincapé no bo ambiente co que se desenvolveu o torneo, os organizadores trasladan o seus parabéns aos integrantes do equipo gañador, que recibiu como agasallo unha cesta de produtos galegos, así como un exemplar de ‘Ti non es de aquí?’, un xogo de mesa cultural-educativo desenvolvido por OZOCOgz.