Ir o contido principal

UI GreenMetric e QS World University Rankings recoñecen o compromiso da USC coa sustentabilidade

Ambas as clasificacións avalían o compromiso coa sustentabilidade das institucións académicas de educación superior en todo o mundo. FOTO: Santi Alvite
Ambas as clasificacións avalían o compromiso coa sustentabilidade das institucións académicas de educación superior en todo o mundo. FOTO: Santi Alvite
A Universidade de Santiago de Compostela ascende chanzos nestas clasificacións dirixidas a medir os esforzos realizados polas institucións académicas no desenvolvemento e implantación de políticas e programas respectuosos co medio ambiente
Lugo, Santiago de Compostela

A USC sitúase no chanzo 269 do GreenMetric Ranking of World Universities 2023 e no 394 do QS World University Rankings: Sustainability 2024. Ambas as clasificacións avalían o compromiso coa sustentabilidade das institucións académicas de educación superior en todo o mundo.

En concreto, o UI GreenMetric Ranking of World Universities 2023 avalía un total de seis indicadores: contorna e infraestruturas (15%), enerxía e cambio climático (21%), residuos (18%), auga (10%), transporte (18%) e educación (18%). O obxectivo desta clasificación, impulsada pola Universidade de Indonesia, é reflectir os esforzos realizados polas universidades no desenvolvemento e implantación de políticas e programas respectuosos co medio ambiente e a sustentabilidade. Os responsables da clasificación que inclúe un total de 1.183 institucións, analizan o compromiso das universidades coa sustentabilidade a partir dunha serie de aspectos que inclúen a recompilación de información básica sobre o perfil de cada universidade, particularmente en relación ao seu tamaño e ámbito xeográfico de implantación. A recompilación dos datos realízase a través de enquisas en liña enviadas a administradores universitarios. Na edición 2022 desta clasificación, a USC ocupaba o chanzo 375.

Pola súa parte, o ránking elaborado por QS e que nesta edición abrangue a preto de 1.400 universidades, utiliza unha metodoloxía composta por indicadores deseñados para medir a capacidade dunha institución ante desafíos ambientais, sociais e de gobernanza. Os indicadores divídense en medidas de sustentabilidade ambiental adoptadas a nivel institucional (por exemplo, ser integrante de colectivos recoñecidos na acción climática), investigador (a actividade investigadora arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) e educativo (a reputación académica no ámbito da sustentabilidade ambiental); así como en medidas de impacto social, que inclúen igualdade, intercambio de coñecementos, impacto educativo, empregabilidade e oportunidades, alén da calidade de vida. Na pasada edición, a USC ocupaba o intervalo 501-550. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2023.