Ir o contido principal

Última quenda de visitas dos ‘Encontros no Campus Terra’

Participantes na última quenda de visitas do programa 'Encontros no Campus Terra de Lugo'
Participantes na última quenda de visitas do programa 'Encontros no Campus Terra de Lugo'
Arredor de 200 estudantes de secundaria de sete centros da provincia de Lugo e de Ferrol coñecen a sede universitaria luguesa con esta iniciativa do programa ‘A Ponte’

Uns 200 estudantes de ensino medio procedentes de 6 centros educativos da provincia de Lugo (CPI López Suárez, de Friol; IES Marqués de Sargadelos, de Cervo; IES de Monterroso; IES Sanxillao, de Lugo; IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Lugo, e IES Sagrado Corazón, de Ribadeo) e do IES Saturnino Montojo, de Ferrol, visitaron este martes os distintos centros da sede universitaria luguesa na última quenda de visitas do programa Encontros no Campus Terra de Lugo, unha iniciativa organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ e orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos da sede universitaria luguesa a estudantes preuniversitarios

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ no Campus Terra, Francisco Javier López, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no auditorio da Facultade de Veterinaria, onde Bueno e López, logo de recomendar o Campus Terra como “opción universitaria de calidade acreditada polo prestixio do que goza a USC”, fixeron unha presentación xenérica do campus. De seguido, varios estudantes universitarios ofreceron aos asistentes a súas particulares visións do Campus Terra e relataron algunhas das experiencias vividas no seu periplo como estudantes da USC.

Unha vez rematada esta sesión, os estudantes, distribuídos en grupos en función das súas preferencias formativas e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros.

O coordinador en Lugo do programa ‘A Ponte’ cifrou en preto de 1.000 o número de estudantes de ensino medio que tiveron este ano a ocasión de coñecer a oferta de estudos e os servizos da sede universitaria luguesa a través do programa ‘Encontros no Campus Terra de Lugo’. Francisco Javier López González salientou asemade o alto nivel de satisfacción amosado polos estudantes que tomaron parte nesta iniciativa de achegamento da USC a alumnado de ensino medio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2018.