Ir o contido principal

Última Regueifa de Ciencia do ano cun debate sobre a edición xenética en humanos

Última Regueifa de Ciencia do ano cun debate sobre a edición xenética en humanos
Última Regueifa de Ciencia do ano cun debate sobre a edición xenética en humanos
Será este xoves 14 ás 20:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC

‘Debemos permitir a modificación xenética en embrións humanos?’ é a pregunta de partida da derradeira Regueifa de Ciencia da tempada que terá lugar este xoves 14 ás 20:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e que se retransmitirá en directo por USC TV.

Dende que os científicos aprenderon a manexar as ferramentas CRISPR e cortar e pegar anacos de material xenético en calquera célula puidéronse modificar con maior seguridade plantas e animais, facer investigación básica xerando modelos de enfermidades que ata o de agora non se podían estudar ou desenvolver novos fármacos. Mais a aplicación ‘estrela’ desta técnica atópase no eido da terapia xénica xa que abre un novo horizonte para curar enfermidades, pero non sen críticas polas súas futuras implicacións científicas e cuestións éticas.

No debate deste xoves enfrontaranse catro especialistas de primeira orde. Defendendo a modificación xenética en humanos estarán a directora do Banco de Liñas Celulares do Centro de Medicina Rexenerativa de Barcelona, Anna Veiga, e a directora científica do Grupo Eugin, unha rede internacional de centros para o tratamento da infertilidade humana, Rita Vassena. O equipo de detractores componse de Lluís Montoliu, investigador no Centro Nacional de Biotecnoloxía de CSIC que traballou toda a súa vida profesional con organismos modificados xeneticamente, e o catedrático de Microbioloxía da Universidade Complutense de Madrid e membro de numerosos comités de bioetica, César Nombela.

Todos participan
‘Regueifas de Ciencia’, financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Economía y Competitividad, consiste en debates tipo Oxford (con moderador, quendas de palabra cronometrados, estrutura por bloques…) sobre cuestións polémicas baseadas na ciencia. Os transxénicos, o cambio de fuso horario en España, a experimentación científica en animais, a busca da inmortalidade ou a compatibilidade entre ciencia e fe foron algúns dos temas de anteriores citas.

Para comprobar a capacidade persuasiva deste tipo de acción dialécticas, á entrada da sala pregúntaselle ao público –a través dun sistema de voto electrónico– cal é a súa postura inicial sobre o tema, que será confrontada xusto ao remate da sesión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2017.