Ir o contido principal

Últimas horas para participar no programa Argos

Detalle do cartel
Detalle do cartel
Tomando como eixes o “traballo en equipo” e o “aprender facendo”, o programa permite acompañar os e as emprendedoras no proceso de definición dunha idea de negocio e avalíase a súa capacidade de chegar a un proxecto empresarial convincente
Lugo, Santiago de Compostela

O programa ARGOS, unha iniciativa da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, bota a andar a súa edición 2023 coa vontade de sensibilizar e adestrar estudantes e persoal investigador da USC no proceso de elaboración do plan de negocio e promover a creación de empresas na comunidade universitaria. Tomando como eixes o “traballo en equipo” e o “aprender facendo”, o programa permite acompañar os e as emprendedoras no proceso de definición dunha idea de negocio, e avalíase a súa capacidade de chegar a un proxecto empresarial convincente.

Unha idea chave do programa é que a complementariedade de perfís persoais e profesionais incide na eficiencia e eficacia do traballo e, polo tanto, na posibilidade de obter mellores resultados. Así, facilítase aos participantes acceso a espazos de traballo colaborativo (co-working). Os proxectos seleccionados contarán cunha achega económica para a súa constitución. O programa cuxo prazo de inscrición permanece aberto ata o 24 de outubro, conta co apoio do Banco Santander.

Pode participar no Argos alumnado dos dous últimos anos de licenciatura ou grao, alumnado de posgrao, mestrado ou doutoramento, persoas egresadas das últimas catro promocións e colaboradores e colaboradoras ou persoal integrado en grupos de investigación. Os equipos, baixo a titorización de persoal experto asignado polo programa ARGOS, desenvolverán o seu plan de empresa, vinculado á idea ou resultado elixido. O persoal experto traballará de forma individualizada con cada equipo, planificando ademais o seguimento do proxecto, durante o cal traballaranse aspectos tales como a definición de modelos de negocio, estudo de mercado, accións comerciais, planificación económico financeira, e todas aquelas que se consideren oportunas para elaborar un plan de negocio apto.

Entregaranse dous premios dotados con 3.000 euros cada un, o ARGOS SPIN a proxectos empresariais xurdidos a partir dalgún dos resultados de investigación xerados na USC, e o ARGOS ENXEÑO a proxectos empresariais xurdidos de ideas de negocio achegadas polos participantes no programa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2023.