Últimas semanas para participar nos VIII Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na USC

A Oficina de Igualdade de Xénero da USC convoca a oitava edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, unha cita dirixida a membros e equipos de PDI da USC que ten o 29 de setembro como data límite para a presentación de traballos.
A convocatoria, enmarcada no II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC, contempla dúas modalidades de participación, unha orientada a accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia na USC e outra na que se valoran os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento.
Os premios responden a unha acción que xa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos. Esta iniciativa tamén figura entre as medidas incluídas na ferramenta en liña (GEAR tool), de apoio a organizacións investigadoras (como as universidades) na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.
A oitava edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero convocada pola USC conta tamén coa colaboración do Concello de Santiago, que é a entidade que financia os premios económicos cos que se agasallará aos autores/as dos experiencias máis valoradas en cada unha das modalidades do certame. As bases da convocatoria están accesibles na web da USC.