Últimas semanas para presentar traballos ao I Premio de Curtametraxes da Cátedra Iberoamericana

A Cátedra Iberoamericana da USC lanzou en novembro o Premio de Curtametraxes coa fin de promover a visibilidade e o coñecemento da historia e significación do Hospital Hijas de Galicia (Habana), fundado en 1924 pola Asociación Hijas de Galicia, Sociedad Sanitaria y de Auxilio Mutuo para dar cobertura sanitaria ás mulleres galegas emigradas a Cuba en situación de precariedade.
Ao concurso, dotado cun premio económico de 300 euros, pode presentarse calquera estudante de grao ou mestrado da USC en grupos de ata 8 persoas e o prazo para o envío das propostas está aberto ata o 21 de marzo.
A curtametraxe versará necesariamente sobre algún aspecto da historia do Hospital Hijas de Galicia. Poderá ser desde unha óptica documental ou ficcional, aínda que neste segundo caso inspirado a partir dalgún dato histórico real do hospital ou das súas usuarias en relación con el. A obra deberá ser orixinal e inédita, e non poderá contar cun equipo profesional remunerado nin na súa totalidade nin en parte. Deberá ter título e créditos, e a súa duración será de entre 5 e 15 minutos en total (créditos incluídos).
