Últimos días para concorrer ás axudas do Consello Social de apoio a proxectos que promovan a participación da sociedade na USC
O Consello Social convoca axudas co obxecto de apoiar actividades realizadas por membros da comunidade universitaria da USC e que sirvan para dar pulo á participación da sociedade galega na Universidade. O prazo para concorrer a esta iniciativa dirixida tanto a Persoal Docente e Investigador (PDI), como a Persoal de Administración e de Servizos (PAS), remata o vindeiro 21 de xuño. As solicitudes presentaranse a través do Rexistro Electrónico.
O Consello financiará con ata un máximo de 50.000 euros, proxectos que se inicien ou se desenvolvan ao longo de 2021. A xuízo do comité de selección, poderán financiarse total ou parcialmente, unha ou varias das actividades ou proxectos solicitantes. A decisión tomarase en virtude da viabilidade e solidez da iniciativa, así como o seu impacto positivo na sociedade.
A xustificación da necesidade de financiamento será un dos apartados que deberá cumprimentarse, así como o informe da actividade a desenvolver, o custe total da actividade e a contía solicitada ao Consello Social.