Últimos días para inscribirse nos cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación
O próximo mércores 31 remata o prazo de matrícula dos cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación. A convocatoria diríxese ao estudantado da USC que desexe mellorar os seus coñecementos para elaboraren traballos académicos e de investigación con calidade formal, quen ademais poderá validar a súa participación por un crédito de libre configuración para todas as titulacións. O curso ten unha duración de 30 horas, das cales 22 son presenciais e 8 de traballo individual. O programa comezará o 5 de novembro e as clases impartiranse de luns a xoves entre esa data e o 15 dese mes. Posteriormente haberá tres sesións de avaliación os días 17, 18 e 19 de decembro. Os cursos desenvolveranse tanto no Campus de Santiago como no de Lugo, en distintos emprazamentos e en distintos lugares. No lugués, as sesións desenvolveranse de 19.00 a 21.00 horas na Aula 3 de Informática da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. En Compostela, existe tres posibilidades: na Aula de Informática 5 da Facultade de Dereito, en horario de 9.00 a 11.00 horas; na Aula de Informática de Filosofía, de 12.00 a 14.00 horas; ou en Matemáticas, na Aula de Informática 3, de 19.00 a 21.00 horas. A matrícula (aberta ata o 31 de outubro) formalízase a través de Internet onde tamén é posible ampliar información.