Ir o contido principal

Últimos días para matricularse no curso ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas’

A edición deste ano céntrase no álbum infantil

Un ano máis, ao longo do verán e entre o día 5 e o 8 de setembro, desenvolverase na Universidade de Santiago e na Biblioteca Novacaixagalicia o Curso de formación continua e perfeccionamento ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora’ , que nesta edición se fixará no álbum infantil. A matrícula está aberta ata o día 15 deste mes. Organizado pola USC, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e a Rede Temática de Investigación ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís Ibéricas e Iberoamericanas del Marco Ibérico e Iberoamericano’ (LIXMI), responsábel dos contidos da parte virtual, o curso compleméntase cunha parte presencial na que o alumnado entra en contacto cos axentes que interveñen na comunicación literaria. O curso ten como finalidade formar o alumnado participante nunha temática xeralmente excluída dos planos de estudo das carreiras universitarias pero dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Tenta analizar esas literaturas dende un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico. Dirixido pola profesora Blanca-Ana Roig Rechou, a parte presencial do curso, entre o 5 e 8 de setembro, inclúe diversas conferencias e charlas ademais dun encontro con Gémeo Luís e João Pedro Mésseder, ilustrador e escritor portugueses, dun taller creativo de tipofotos e da presentación do libro O álbum infantil. Século XXI.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2011.