Ir o contido principal

Últimos días para participar no concurso de investigación 'Verbas para cen anos de historia'

O concurso 'Verbas para cen anos de historia' pecha o 15 de setembro o prazo de recepción de traballos. FOTO: Santi Alvite
O concurso 'Verbas para cen anos de historia' pecha o 15 de setembro o prazo de recepción de traballos. FOTO: Santi Alvite
O prazo para o envío de ensaios e vídeos que fomenten a investigación sobre a Facultade remata o 15 de setembro
Santiago de Compostela

Co gallo da celebración neste ano 2022 do centenario da creación da súa Sección de Historia, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Xeografía e Historia da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o concurso de investigación ‘Verbas para cen anos de historia’. A meta deste certame é fomentar as investigacións sobre a Facultade; promover enfoques novidosos e a construción de discursos propios a partir da consulta de fontes primarias —traballo de arquivo e/ou traballo de campo— e bibliografía; ou promover a investigación e a comunicación científica de calidade en lingua galega nas súas vertentes escrita e audiovisual entre o alumnado do centro.

Pode participar no concurso o alumnado dos graos e mestrados impartidos do centro no curso 2021-22, presentando un discurso persoal, en forma de ensaio escrito ou vídeo, cos resultados da súa investigación sobre algún aspecto deste centro da USC ao longo dos últimos cen anos —a evolución dos seus estudos, os cambios no inmoble e na contorna, ou o seu profesorado e/ou alumnado, entre outros—.  Hai tres premios de 500, 300 e 150 euros en cada unha das categorías, ensaio e vídeo.

O prazo para tomar parte neste certame remata  o vindeiro 15 de setembro de 2022 e os traballos deben remitirse o enviado á Comisión de Actividades Culturais e Normalización Lingüística da Facultade mediante un correo electrónico a historia.acnl [at] usc.gal (historia[dot]acnl[at]usc[dot]gal)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.08.2022.