Últimos días para participar no Premio Jesús García Calvo de investigación en desenvolvemento rural e cooperativismo
O Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC e a Fundación Feiraco convocan por cuarto ano consecutivo o Premio Jesús García Calvo de investigación en desenvolvemento rural e cooperativismo. O prazo de presentación dos traballos, cuxa temática debe estar relacionada co desenvolvemento do medio rural e/ou o cooperativismo en Galicia, remata o 15 de novembro.
O premio, convocado co obxectivo último de mellorar as actividades económicas e a calidade de vida da poboación rural, presenta dúas modalidades: a de textos publicados en revistas científicas ou editoriais recoñecidas, e outra que contempla á súa vez dúas categorías como son teses de doutoramento e traballos de fin de mestrado ou de fin de grao. Todos eles deben estar publicados ou entregados entre o 15 de outubro de 2016 e o 14 de outubro deste ano.
O xurado do premio estará composto polo reitor da USC, o presidente da Fundación Feiraco, o director do IDEGA e un membro do seu consello científico, unha persoa designada pola Fundación Feiraco e tres especialistas de recoñecido prestixio no campo do desenvolvemento rural e o cooperativismo en Galicia. Antes do 20 de decembro farase público o ditame do premio, que está dotado con 1.000 euros para o texto gañador publicado en revista científica, outros tantos para a tese de doutoramento e 500 para o TFM ou TFG.