Últimos días para presentarse á sétima convocatoria Seed Funding de EUniWell de financiamento de proxectos
A Universidade Europea do Benestar EUniWell, na que se integra a USC, mantén aberta a sétima convocatoria do programa de financiamento Seed Funding que persegue que persoal investigador, profesorado, estudantado e persoal técnico de xestión e administración de servizos das institucións pertencentes á alianza EUniWell poñan en marcha proxectos colaborativos que melloren de xeito diverso e significativo o benestar na saúde, na educación, no eido institucional e na esfera persoal, así como na sociedade e na cultura en xeral.
Nesta convocatoria, que permanece aberta ata o día 15 deste mes de setembro, cada proxecto innovador pode recibir unha subvención máxima de 25.000 euros a distribuír entre os diferentes socios e terá unha duración máxima de 12 meses. Todas as propostas de proxecto deben contar coa participación de membros de polo menos catro universidades do consorcio. A resolución da convocatoria comunicarase no mes de novembro.
As consultas xerais sobre esta convocatoria poden dirixirse ao enderezo: euniwell [at] usc.gal (euniwell[at]usc[dot]gal).